Pecha o auditorio de Vilalba por problemas técnicos
O Concello de Vilalba anunciou a suspensión ou aprazamentos de todos os actos que se ían celebrar no Auditorio Municipal no mes de decembro.
Segundo indican nun comunicado á veciñanza, esta decisión tomouse por "problemas técnicos que impiden desenvolver os concertos garantindo a seguridade".
Así, as persoas que xa teñen compradas as entradas dos eventos que teñen prezo recibirán a devolución nos próximos días pero para os gratuítos, quedan sen efecto as entradas retiradas, de xeito que cando se reprogramen os concertos, deberanse adquirir de novo. Esta medida queda aparte para a presentación do libro de Paulo Naseiro e actuación de Xorima, que se manterán as entradas xa adquiridas.
O Concello informou tamén que canto se poñan novas datas, informarán polas canles oficiais.
O peche do edificio elimina provisionalmente unha gran parte da programación prevista de Nadal, que se ía celebrar neste edificio.