Péchase o prazo para presentar candidaturas á presidencia do Rácing Club Vilalbés

Este mércores 15 de maio, ás 23:59 horas, remata o prazo para a presentación de candidaturas á presidencia do Rácing Club Vilalbés, dando así un paso máis no proceso electoral iniciado pola entidade co remate do mandato da actual xunta directiva o vindeiro 30 de xuño.
As candidaturas deben ser entregadas na oficina do club, situada no Estadio Roca, en horario de luns a venres de 10:00 a 14:00 horas. Os requisitos para poder presentarse inclúen ser socio con, polo menos, un ano de antigüidade e estar ao día nos pagamentos, ademais de contar co aval do 10 % dos socios con dereito a voto, o que equivale a un mínimo de 63 avalistas.
Unha vez finalizado este prazo, está convocada unha Asemblea Xeral Extraordinaria o luns 19 de maio, ás 20:00 horas en primeira convocatoria e ás 20:30 en segunda, no salón de actos do Centro Sociocomunitario de Vilalba (Centro da Terceira Idade). A orde do día inclúe a elección dos membros da mesa electoral e o calendario electoral.