Pedirán á Deputación un pronunciamento en contra das peaxes das autovías
O BNG pedirá á corporación provincial un pronunciamento rotundo contra a intención do goberno central de establecer peaxes nas autovías de titularidade estatal. O grupo provincial presentará no vindeiro pleno unha moción para frear a imposición desta “medida regresiva”, recollida entre as propostas que o goberno de PSOE e Unidas Podemos trasladou á Comisión Europea para liberar fondos para o Estado español
O BNG considera que se trata dun “repagamento” que “limita o acceso a uns servizos básicos como son as infraestruturas” e “supón un atranco para a cohesión social e o desenvolvemento económico de Galiza, ademais de incrementar a inseguridade viaria”.
O voceiro provincial do BNG, Efrén Castro, sinalou que “o pago de peaxes que pretende impoñer o goberno español é dunha medida antisocial, que prexudica ás persoas traballadoras e que suporá tamén un sobrecusto para as actividades produtivas que dependan do transporte de mercadorías” Trátase, engadiu, “dunha proposta abertamente neoliberal, que condiciona o uso dun servizo básico como son as infraestruturas a quen poida pagalas” e advertiu que “derivar a circulación a estradas secundarias tería tamén un custo en seguridade viaria”
Desde a formación nacionalista sinalan ademais que, no caso da provincia de Lugo, o argumento de fomentar o transporte público é “unha burla” á veciñanza, que non dispón de ningunha alternativa digna ao transporte por estrada xa que, lembran, “as conexións ferroviarias de media distancia están desmanteladas e as de alta velocidade na lista de promesas incumpridas dos gobernos do Estado con Galiza”
“Na moción que presentaremos ao vindeiro pleno, pedimos un pronunciamento rotundo da corporación provincial contra esta medida e o seu traslado ao goberno español e noemadamente ao Ministerio de Transportes”, concluíu Efrén Castro.
A moción no pleno provincial encádrase na batería de iniciativas e medidas que o BNG presentará en todas as institucións nas que ten representación, desde os concellos ata o Congreso, para frear a imposición dos novos gravames.