Pedro Blanco destaca en Vilalba o apoio do Goberno para ampliar a vivenda social

TerraChaXa
O delegado visitou a vila para coñecer de preto o proxecto para rehabilitar a casa dos mestres
casa-dos-mestres-vilalba
12 Mar 2026

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacou este xoves en Vilalba o papel dos concellos e a colaboración do Goberno con eles para ampliar a vivenda social en Galicia. Pedro Blanco visitou xunto á alcaldesa, Marta Rouco, e a subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, o proxecto do Concello de Vilalba para rehabilitar e destinar a vivenda en réxime de alugueiro social as antigas casas dos mestres, sitas na rúa Cuart de Poblet, dentro da área escolar vilalbesa.

A intervención nestas seis vivendas individuais, en fase inicial, permitiría crear en cada unha delas novos espazos interiores con cociña e sala de estar, cuartos de baño e varios dormitorios, recuperando así este edificio para destinalo a vivendas de alugueiro social. A alcaldesa, felicitada polo delegado, destacou a importancia deste proxecto, sinalando que desde o Concello buscan “aproveitar o patrimonio municipal que hoxe non está en uso para darlle unha función social que responda ás necesidades actuais da cidadanía”.

Pedro Blanco subliñou que dous de cada tres euros que se invisten en políticas públicas de vivenda en Galicia proceden do Goberno de Pedro Sánchez, “sendo o artífice do cambio que vivirá a comunidade en materia de vivenda, apostando pola social e accesible”. Nese senso, animou á Xunta de Galicia a seguir o exemplo do Goberno e asumir “un maior compromiso” para dinamizar esa transformación “que permita un dos nosos retos máis importantes: garantir o dereito á vivenda”.

Para facelo, o delegado incidiu en que o Ministerio de Vivenda mobilizou máis de 530 millóns de euros nos últimos anos, que permiten construír 1.500 vivendas para alugueiro accesible e rehabilitar máis de 18.000 en Galicia, “afondando nesa visión do Goberno pola que a vivenda debe ser entendida como un dereito, mudando o foco que a consideraba como un ben puramente de mercado”. Cos devanditos fondos o Goberno financia tamén programas dirixidos á mocidade, ao rural e á mellora de edificios e barrios, ben sexa en forma de axudas ao alugueiro ou á rehabilitación, poñendo de manifesto a acción integral do Goberno.

Pedro Blanco reafirmou o compromiso co dereito á vivenda, ademais, sinalando que o Goberno “investirá máis, construirá máis, rehabilitará máis e destinará máis fondos para axudas”. É por iso que agarda “o mesmo pola parte da Xunta: maior compromiso e implicación”. Entre as accións do Goberno neste senso, Pedro Blanco lembrou o impulso da entidade estatal CASA 47, que vén de convocar máis de 100M€ para adquirir vivendas privadas en toda España e incorporalas ao parque público para destinalas a alugueiro accesible: “Políticas directas que se dirixen aos problemas da cidadanía”.

“As alcaldesas e os alcaldes xogan un rol clave para confirmar que desde o local tamén se poden dar respostas ao reto da vivenda, algo que demostra Marta Rouco en Vilalba”, salientou o delegado, sinalando que desde os concellos “coñecen de primeira man a realidade dos seus municipios e teñen a capacidade de promover políticas que respondan ás necesidades da veciñanza”. Para todos os concellos, “o Goberno de España será o seu mellor aliado, impulsando a colaboración leal e comprometida entre todas as administracións que operan en reverter o problema da vivenda”.

 

0.11648011207581