Pedro Blanco informou en Xermade sobre as axudas do Miteco para concellos de menos de 5.000 habitantes

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, animou aos concellos galegos de menos de 5.000 habitantes a acollerse ás novas axudas convocadas polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) para impulsar proxectos innovadores e facer fronte ao despoboamento. Así o trasladou durante a súa visita ao Concello de Xermade, onde, acompañado pola subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, mantivo un encontro institucional co alcalde, Roberto García Pernas, no que informou en detalle das características desta convocatoria e do seu potencial impacto no rural galego.
Pedro Blanco salientou que estas axudas, dotadas cun orzamento total de 52 millóns de euros, máis do dobre que na convocatoria anterior, “son unha oportunidade real para transformar o territorio, apoiar o emprendemento, mellorar servizos e xerar oportunidades nos concellos con maiores dificultades demográficas”. O delegado subliñou que o Goberno de España “mantén unha aposta clara polo rural, con políticas activas que se traducen en recursos concretos para os concellos e o tecido social e económico”.
As subvencións están dirixidas a financiar proxectos innovadores para a transformación territorial e a loita contra o despoboamento en municipios ou núcleos de poboación inferiores a 5.000 habitantes. Contemplan tres modalidades: proxectos promovidos por entidades locais; por entidades sen ánimo de lucro de ámbito supraprovincial; e por pemes, persoas autónomas e entidades da economía social.
Os proxectos poderán estar orientados, entre outros ámbitos, á mellora de servizos públicos, apoio ao emprendemento rural, cultura e ocio, servizos sociais e de coidados, mobilidade, vivenda, asociacionismo ou á recuperación de zonas afectadas por incendios e outras catástrofes naturais.
Axudas de ata 300.000 euros por proxecto, con financiamento de ata o 90%
As axudas poderán cubrir ata o 90% do custo subvencionable no caso de entidades locais e entidades sen ánimo de lucro, cun importe máximo de 300.000 euros por proxecto, e ata o 70 % no caso de pemes e persoas autónomas. O prazo para presentar solicitudes estará aberto ata o 20 de xaneiro de 2026 e os proxectos seleccionados poderán executarse ata o ano 2028.
Pedro Blanco animou aos pequenos concellos galegos, empresas e entidades do rural a “aproveitar esta convocatoria e presentar proxectos ambiciosos e transformadores”, reiterando a disposición da Delegación do Goberno para informar e acompañar ás entidades interesadas.
Durante o encontro, o delegado e o alcalde repasaron tamén os investimentos do Goberno no municipio, destacando a posta en marcha dunha Aula Mentor ou os máis de 400.000 euros dos fondos de Transición Xusta para rehabilitar a antiga casa reitoral e convertela no Centro Internacional da Tornaría. Pedro Blanco sinalou Xermade como “exemplo de dinamismo e mostra de como o rural pode xerar actividade, atraer iniciativas e combater a despoboamento cando conta con apoio público”, reiterando o compromiso do Goberno coa igualdade de dereitos e servizos con independencia do lugar onde se viva.