Pedro Blanco supervisa as obras de modernización que se realizan na Casa do Concello de Vilalba

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, salientou esta mañá en Vilalba o compromiso municipalista do Goberno de España no seu apoio aos concellos galegos para afrontar a mellora das súas infraestruturas, obras que en ocasións resultan complicadas de executar para as pequenas administracións polos seus custos e envergadura. O delegado supervisou os traballos que se levan a cabo da man do Goberno na Casa do Concello de Vilalba coa súa alcaldesa, Marta Rouco, e a subdelegada en Lugo, Olimpia López
Pedro Blanco puxo en valor ditas obras, para as que o Concello de Vilalba recibe do Goberno 943.000 euros, o 85% do total, que completa o propio consistorio. O edificio resultante pasará a ser eficiente enerxéticamente ao reducir nun 80% o seu consumo, mellorando as instalacións e abaratando custos para o municipio, que poderán ser destinados a outras partidas de eido social. Isto lógrase dotando de máis iluminación natural ao edificio, adquirindo tecnoloxía LED, mellorando a envolvente térmica e instalando placas solares fotovoltaicas, de xeito que se acada a autosuficiencia enerxética.
Esta acción, impulsada polo Goberno a través do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP) no seu apartado local, é unha das máis senlleiras en Vilalba, onde o Goberno destina en total máis de 8 millóns de euros para diversos traballos, que contemplan desde a dixitalización mediante o Programa UNICO Banda Ancha, a mellora do saneamento a través da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, a renovación do alumeado nas rúas coas axudas do IDAE ou a conservación do seu patrimonio servíndose das axudas aos Paradores. Esta última acción percibe para o de Vilalba máis dun millón de euros e atópase na súa fase final.
Pedro Blanco subliñou que o impulso do Goberno de España chega a todas as vilas de Galicia e faino con criterio, “xa que investimos onde o necesitan os concellos galegos, dando resposta aos problemas da súa veciñanza e mellorando o seu día a día con accións útiles”. Seguindo esta liña, puxo en valor o éxito do PIREP Local na comunidade, onde financia 49 proxectos para un total de 43 concellos por unha cifra superior aos 50 millóns de euros, 3,2 deles na provincia de Lugo para unha suma de sete municipios. Este programa ten unha división autonómica, a través da que o Goberno lle transferiu á Xunta máis de 27 millóns de euros para obras de mellora en edificios públicos da súa titularidade.
Precisamente polo seu traballo e por non desaproveitar a oportunidade que supón o PIREP para a súa vila, o delegado felicitou á alcaldesa, “pois grazas á súa visión e labor constantes a veciñanza poderá dispor dunha Casa do Concello á altura das súas necesidades”. Lembroulle, ademais, que o Goberno de España sempre estará ao carón dos e das vilalbesas.