Pedro Blanco visita en Vilalba a queixería premiada y pon en valor o seu proxecto

TerraChaXa
A fábrica familiar vén de recibir a distinción como mellor queixo madurado de vaca e mellor queixo de España entre 135 mostras de todo o país
visita-quesos-san-simon-pedro-blanco
21 Jul 2025

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacou hoxe “o valor do traballo artesanal e o compromiso coa calidade” que representa a queixería Don Crisanto de Vilalba, trasladando os parabéns a esta empresa familiar polo recoñecemento recibido nos Premios Alimentos de España 2025. O queixo Don Crisanto, elaborado baixo a Denominación de Orixe Protexida San Simón da Costa, foi distinguido como o mellor queixo madurado de vaca e recibiu tamén o premio especial ao mellor queixo de España entre as 135 mostras presentadas.

Durante a visita, na que tamén participou a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e a subdelegada en Lugo, Isabel Rodríguez, Pedro Blanco puxo o foco na “reconversión dunha explotación familiar nun proxecto sostible e recoñecido a todos os niveis”, enxalzando que xa son “tres xeracións dedicadas á elaboración de queixos, todo un exemplo do que significa producir desde o rural galego con visión de futuro, con mimo, con identidade e con excelencia”. Ademais, o delegado destacou a aposta de Crisanto pola innovación sen perder a súa esencia, “un dos motivos que a consolida como a queixería máis galardoada polo Ministerio na categoría de queixo madurado”, que recibiu en oito ocasións.

Pedro Blanco lembrou que o Goberno mantén un compromiso firme co sector agroalimentario galego, co impulso ao medio rural e co apoio aos produtos con denominación de orixe, como o San Simón da Costa, recoñecido oficialmente en 1999 e convertido nun emblema da tradición queixeira galega.

“Este premio é tamén un recoñecemento ás pequenas empresas de Galicia, ás firmas familiares con capacidade de emprender desde o rural e ao valor engadido que teñen os alimentos con denominación de orixe como o San Simón da Costa, un auténtico tesouro que forma parte xa do noso patrimonio cultural e gastronómico”, engadiu.

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación premiou a queixería vilalbesa tras un rigoroso proceso de avaliación técnica e sensorial. Nesta edición participaron 135 mostras procedentes de toda España, distribuídas en cinco modalidades: queixo madurado de vaca (34 mostras), queixo madurado de ovella (39), queixo madurado de cabra (24) queixo madurado de mestura (21) e queixo madurado con mofos ou queixo azul (17).

O proceso de selección incluíu unha rigorosa análise física-químico, microbiológico e das especies, así como unha valoración sensorial realizada por paneis de expertos catadores. Durante o proceso de valoración garántese en todo momento a rastrexabilidade e o anonimato das mostras.

⚙ Configurar cookies
0.22227191925049