Pepe Coira participa na proxección dun film sobre a emigración na Casa Museo de Manuel María

LugoXa | TerraChaXa
Será este sábado, ás 19.30 horas, e se verá 'Evocando. Canto de emigración'
evocando-canto-de-emigracion
12 Feb 2025

Este sábado, 15 de febreiro, ás 19.30 hrs, na Casa-Museo Manuel María vai proxectarse o filme Evocando Canto de emigración. Unha obra producida por Ollovivo e que foi dirixida e guionizada por Pepe Coira.

O seu director describe o que se poderá desfrutar este sábado da seguinte maneira:

"O que imos ver nesta sesión non é unha película. É a evocación dunha película. Unha película desaparecida.

Canto de emigración. Romance en imágenes sobre motivos gallegos (1935) foi un insólito filme de vangarda no que o ourensán Tony Román retratou o drama da emigración galega, procurando emular o cine dos grandes directores soviéticos, que aspiraban a un cine puro.

Canto de emigración non se conserva, pero si quedan vestixios: o debuxo de Castelao no que se inspirou; un feixe de fotografías publicadas na prensa da época ou gardadas polo seu protagonista; un argumento detallado; e, sobre todo, a partitura que Teódulo R. Páramos compuxo para acompañar pormenorizadamente as imaxes.

A partir deses materiais construímos esta evocación. A Orquesta Clásica de Vigo adaptou a música orixinal para a ocasión. A ela sincronizamos o argumento e máis as fotografías, e incorporamos fragmentos doutras películas coas que Canto de emigración se emparentaba.

O resultado é o que imos ver. Sabemos que é imposible devolverlle a vida a unha película perdida. Pero si podemos imaxinala".

Logo da proxección, as persoas asistentes manterán un coloquio con Pepe Coira, salientábel e recoñecido guionista que traballa en ficción televisiva así como longametraxes e series documentais (Cuñados, Rapa, Hierro, Mareas Vivas, As leis de Celavella, Hotel Vidago, A Seara...). Director de desenvolvemento e produtor executivo para diversas compañías (Portocabo, Filmax Galicia, Voz Audiovisual), Pepe Coira foi director do CGAI e é autor de diversas monografías e colaboracións en publicacións sobre historia do cine.

A actividade é de acceso libre. Reservas en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698 177 621.

0.19811606407166