Piden un local do Concello de Viveiro para cada grupo político con representación
O Grupo Municipal do Partido Popular de Viveiro solicitará en Pleno que cada un dos grupos políticos que obtiveron representación na Corporación Municipal tralas eleccións municipais do pasado 26 de maio poidan dispoñer dun local nas dependencias do Concello de Viveiro. Os populares piden que o local estea dotado de equipo informático con acceso a información municipal, impresora, teléfono e papel, así como acceso a fotocopiadora “para poder executar as nosas funcións como concelleiros e concelleiras nas mesmas condicións que os integrantes do equipo de Goberno”.
Con ese mesmo obxectivo e o de desenvolver a súa actividade “con liberdade e transparencia”, propoñen dende o Grupo Popular no Concello de Viveiro que “cada un dos grupos políticos da Corporación que non dispoñemos de dedicacións parciais nin similares e que, polo tanto, temos dificultades para adaptarnos aos horarios de apertura do Concello dispoñamos dunha chave para o acceso ao correspondente local”.
Os populares indican que “segundo o artigo 77 da LBRL os membros das Corporacións Locais teñen dereito a obter do Alcalde ou Alcaldesa ou da Xunta do Goberno, cantos antecedentes, datos ou información obren en poder dos servizos da Corporación e resulten precisos para o desenvolvemento das súas funcións”. Así, “dende a nosa posición de velar polos intereses dos nosos veciños e veciñas entendemos que o dereito ampara por igual a todos os concelleiros e concelleiras, tanto os que estean no Goberno, como na oposición”.
Dende o Grupo do PP de Viveiro cren que “a participación da cidadanía é un elemento fundamental na actual sociedade democrática”. Así mesmo, entenden que “o mellor xeito de poder atender as peticións dos viveirenses para trasladalas ás comisións ou plenos correspondentes é ofrecendo proximidade e facilitándolles o contacto directo con seus representantes. Por iso cremos preciso contar con acceso a un local para o exercicio das funcións que nos outorgaron os nosos veciños e veciñas”, conclúen.