Pilar Rego Ares celebra os seus 102 anos rodeada de agarimo na súa casa en Parga

A veciña de Guitiriz, Pilar Rego Ares, celebrou os 102 anos que cumpriu o pasado xoves, nun encontro cheo de emoción e recoñecemento. A celebración tivo lugar na casa familiar da Chantada, na parroquia de Parga, onde recibiu a visita da concelleira de Integración, Promoción e Servizos Sociais, Sofía Sánchez.
Durante a visita, a concelleira felicitou a Pilar en nome do Concello, entregoulle un ramo de flores e compartiu con ela unha agradábel conversa na que non faltaron lembranzas e sorrisos. O encontro foi unha mostra máis do respecto e cariño que a comunidade sente por persoas como Pilar, que representan a memoria viva do municipio.
O Concello de Guitiriz quixo agradecer tamén á familia de Pilar a cálida acollida e o trato recibido durante a visita. Desde o consistorio trasladáronlle os parabéns máis agarimosos a Pilar Rego Ares, desexándolle moita saúde e felicidade.