Piñeiro celebra as Festas de San Martiño o sábado 15 de novembro

A parroquia de Piñeiro, no concello de Xermade, celebrará este sábado 15 de novembro as tradicionais Festas de San Martiño cun amplo programa de actividades pensado para todos os públicos. Os actos comezarán ás 13.00 horas cunha misa solemne. A continuación terá lugar a sesión vermú, que estará amenizada por Marisol Novo.
O xantar popular inclúe un menú composto por xamón cocido, polbo, carrilleiras con patacas, postre, café e chupito. O servizo correrá a cargo do catering Rochela. O prezo por persoa é de 35 euros, mentres que os nenos de ata 10 anos comerán gratis.
Pola tarde haberá xogos infantís con monitores, permitindo que as familias desfruten da festa con comodidade. A música volverá ser protagonista coa actuación de Marisol Novo na sesión de tarde, á que seguirá a música de Alex na festa nocturna. Como é tradición nestas datas, a noite pecharase cunha repartición de castañas asadas.
As entradas poden retirarse no campo de tiro, en Severiano Agrocomercial e na Asociación de Veciños de Piñeiro. A organización lembra que o recinto contará cunha carpa climatizada para garantir o confort de todos os asistentes.As Festas de San Martiño están organizadas pola Asociación de Veciños de Piñeiro e contan coa colaboración de diversas empresas locais e do Concello de Xermade.