O Pleno vilalbés aproba unha ordenanza reguladora das prestacións de emerxencia social
A sesión plenaria correspondente ao mes de maio aprobou, ademais da modificación de varias ordenanzas municipais sobre impostos, unha nova Ordenanza Reguladora das Prestacións Municipais de Emerxencia Social.
Trátase neste caso dun documento elaborado polo persoal dos servizos técnicos municipais do departamento de Servizos Sociais encamiñada a regular as axudas en casos de emerxencia social. Entre os que se inclúen achegas a transeúntes, para compra de alimentación, pagamento de alugueiro ou hipoteca, recibos de luz e gas, e gastos médicos non cubertos polo Servizo Galego de Saúde, entre outros.
Nesta liña, "a ordenanza pretende solucionar as dificultades e reparos de intervención que se presentaban para poder dar axudas en casos de emerxencia social ao non contar no Concello cunha ordenanza municipal específica", explicou a alcaldesa e concelleira de Servizos Sociais, Marta Rouco, quen ademais sinalou "a importancia de atender estes casos específicos de emerxencia social, de tal forma que se atenda a persoas máis aló daquelas que xa contan con informes técnicos nos Servizos Sociais municipais".
Pola súa banda, o pleno tamén se aprobou da modificación do Regulamento Municipal de Réxime Interior da Escola Infantil de Vilalba, cuxos cambios irán encamiñados a adaptar os criterios de subvencionalidade ás normas establecidas pola Xunta de Galicia. Así mesmo, o novo regulamento especificará máis detalladamente a resolución que se dará en caso de faltas prolongadas do alumnado e ampliará o prazo de pago de taxas.
Así pois, o departamento de Servizos Sociais do Concello "tamén se viu na obriga de modificar a ordenanza fiscal da Escola Infantil Municipal para poder adaptala aos cambios do Regulamento Interno e polo tanto tamén votamos esa modificación na sesión plenaria", explicou a rexedora, Marta Rouco.
Outras modificacións de ordenanzas aprobadas foron as do IBI, IAE e ICIO, para incluír bonificacións e poder entrar na iniciativa Concellos Emprendedores.
As dúas ordenanzas foron aprobadas por unanimidade.
Unha ordenanza que cambiará malia contar coa abstención do PP é a reguladora de tráfico para incluír a ampliación da zona azul no centro de Vilalba.
Así mesmo tamén se aprobaron por consenso dous proxectos de obras na zona rural, o primeiro melloras no barrio da Abelaira, en Corvelle, e a de Picoi, en Árbol. Así como as das vías de Alba, Belesar, Rioaveso e Román.
Abstívose o Partido Popular tamén sobre as modificacións de crédito para as obras de reforma da escola do Santo e a liquidación de 25 proxectos de mellora de pistas municipais. No segundo figura a reforma da pista do CEIP Mato Vizoso e os cambios do parque da rúa Emigración.