Pol recibe 195.000 euros para a rehabilitación da antiga Casa Reitoral de Suegos
A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, destacou que o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno “está a chegar a todo o territorio, mellorando os servizos públicos dos concellos do rural e a calidade de vida da veciñanza”, e que se exemplifica nos 195.054 euros que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) acaba de conceder ao Concello de Pol para a rehabilitación integral da antiga casa reitoral. Esta axuda enmárcase no Programa de Impulso á Rehabilitación dos Edificios Públicos para Entidades Locais (PIREP Local), que o Mitma resolveu a semana pasada.
Isabel Rodríguez visitou a localidade, acompañada do alcalde, Lino Rodríguez, e do arquitecto municipal, Daniel Gómez, para supervisar os traballos que se van a financiar con cargo a este plan estatal. Deste xeito, a subdelegada informou que se dotará dun novo centro social á parroquia de Suegos, no Concello de Pol, recuperando o edificio da antiga casa reitoral, en desuso desde hai 30 anos polo seu avanzado deterioro. “Estas actuacións beneficiarán directamente aos máis de 1.600 veciños e veciñas que viven neste municipio, que contarán cun novo local social que servirá como punto de encontro e reunión para a cidadanía”, sinalou a subdelegada.
As obras consistiran no apuntalamento, consolidación, reforzo e substitución dos elementos estruturais do edificio, xerando no baleiro central un patio exterior pechado. Así mesmo, acondicionarase a envolvente térmica da edificación coa instalación de illamento térmico e renovarase toda a carpintería. No que se refire ás instalacións térmicas do edificio, implementarase un sistema combinado de xeración fotovoltaica e caldeira de biomasa. Isto, engadido á recuperación da auga da choiva faría posible que durante moitos meses do ano o edificio fose autosuficiente enerxéticamente, sendo necesario o uso da biomasa unicamente nos meses máis fríos de inverno. Por último, na parte traseira do inmoble recuperarase a galería histórica, coa instalación dun invernadoiro que permita a regulación de entrada de luz e ventilación, incorporando, ademais, vexetación como recurso bioclimático. A obra deberá estar rematada en setembro de 2024.
“Con estas actuacións demostramos, unha vez máis, a aposta deste Goberno polo rural e a loita contra o despoboamento, achegando infraestruturas e servizos esenciais aos veciños e veciñas que viven nestas localidades, ao tempo que axudamos a fixar nova poboación”, subliñou Rodríguez.
7 proxectos financiados na provincia
“O de Pol é un dos 7 proxectos que o Goberno vai financiar con 3,2 millóns de euros do PIREP Local na provincia de Lugo” sinalou a subdelegada quen destacou a dimensión social do programa do Mitma e a súa contribución ao reforzo e mellora dos servizos públicos, xa que o 60% dos edificios para rehabilitar con axuda dos fondos europeos destínanse a uso cultural, educativo ou deportivo. Ademais de Pol, o Goberno financia actuacións en Vilalba, Antas de Ulla, Portomarín, Rábade, Pol, A Pontenova e A Fonsagrada.
Isabel Rodríguez incidiu en que “o obxectivo do Pirep é axudar a mellorar a eficiencia enerxética e a sustentabilidade ambiental, garantindo a redución de máis do 30% do consumo de enerxía primaria non renovable, a accesibilidade, a habitabilidade e a conservación do parque edificatorio”.
Os fondos europeos NextGenerationEU financian ata o cento por cento dos custos das actuacións encamiñadas a reducir, polo menos, un 30% o consumo de enerxía primaria non renovable, e no caso das complementarias (sustentabilidade, accesibilidade, habitabilidade e conservación) subvenciónase o 85% dos custos, sen superar o 50% do importe das actuacións. Este enfoque integral, que ademais se contemplou como un criterio de valoración positivo, foi unha das grandes apostas deste programa.