Pol rehabilitará e ampliará a súa biblioteca municipal
O Concello de Pol acometerá as obras de rehabilitación e ampliación da biblioteca municipal e unificará as súas instalacións na planta baixa da casa consistorial a través dunha liña de financiación autonómica que lle aportará o 60% do orzamento.
Este proxecto ten como obxectivo incrementar a funcionalidade da biblioteca, facéndoa máis cómoda e accesible, xa que unha das accións previstas é a eliminación de barreiras arquitectónicas.
A proposta inclúe diversas obras de rehabilitación das instalacións, como a reordenación de espazos, tratamento de humidades, colocación de falsos teitos para mellorar o aillamento térmico e acústico, adecuación da iluminación e renovación da instalación eléctrica, ademais de colocar cableado de conexión a internet, entre outras accións.
A través desta intervención está previsto ampliar as zonas destinadas a lectura e estudo e colocar novo mobiliario, entre o que figuran estanterías modulares, mesas e cadeiras de lectura infantís e cadeiras para adultos.