Políticos e empresarios esperan que o Goberno de España amplíe o polígono de Rábade
A alcaldesa de Rábade, Remedios González, xunto con representantes dos empresarios do polígono de Rábade, reuníronse cos senadores do PP pola provincia de Lugo, José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano, que explicaron o acordo adoptado no Senado de España trala aprobación dunha iniciativa do Grupo Popular para esixir ao Goberno de España a posta en marcha das medidas necesarias para ampliar o polígono e acometer un novo acceso dende a N-VI, pola rúa Galicia.
Así, os populares argumentaron que a proposta "ten como obxectivo dotar de maior solo industrial a un polígono cunha localización estratéxica, así como mellorar a súa accesibilidade, conectividade e eficacia loxística". Por isto, o presidente da Asociación de Empresarios do Polígono Industrial de Rábade (AEPIR), Luis Iglesias, trasladou a súa satisfacción polo acordo en nome dos empresarios.
"Trala aprobación do acordo no Senado, “faremos seguimento do acordo e agardamos que o Goberno de Sánchez mova ficha, toda vez que é a administración competente ao ser un polígono promovido e xestionado por Suelo Empresarial del Atlántico (SEA) participado pola entidade estatal do solo SEPES, dependente do Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana”, apuntan os senadores.
Remedios González incidiu en que “a ampliación a través da 4ª fase contribuiría a atraer máis actividade empresarial” e manifestou que “o Concello está disposto a ceder os terreos colindantes”, así como apela á “vontade colaboradora por parte das distintas administracións para facer realidade a demandada ampliación deste parque empresarial".
Con todo, o presidente da AEPIR lembrou que “levamos anos demandando a ampliación do polígono” e incidiu en que “hai demanda e empresas interesadas en adquirir solo en Rábade”. Así mesmo, sinalou que “se a ampliación estivera feita, poderían estar instaladas máis empresas en Rábade” e contribuiría a “dar vida a Rábade”.
O polígono industrial de Rábade acolle unha ampla variedade de empresas, moitas delas do ámbito loxístico. Nese sentido, a rexedora defende “a construción do acceso ao polígono dende a N-VI porque “favorecería a conectividade e competitividade do polígono e, ademais, suporía importantes beneficios para Rábade porque tamén “evitaría o paso de tráfico pesado polas rúas” da vila e o deterioro das vías empregadas na actualidade".