Poñen de relevo as inversións autonómicas na VAC e no hospital

TerraChaXa | LugoXa
O deputado autonómico do PP, Daniel Vega, amósase sorprendido polas críticas dos responsables provinciais e locais do PSOE aos Orzamentos que a Xunta de Galicia destina á Mariña en 2020.
28 Out 2019

O deputado autonómico do PP, Daniel Vega, amósase sorprendido polas críticas dos responsables provinciais e locais do PSOE aos Orzamentos que a Xunta de Galicia destina á Mariña en 2020. Neste senso, tilda de “papelón” as manifestacións realizadas nos últimos días polos “gardaespaldas de Pedro Sánchez” que, novamente, “saen á palestra para intentar confundir aos veciños”. O popular fai esta aseveración porque as cifras “cantan por si soas e as actuacións tamén”. É o caso, di a modo de exemplo, as partidas previstas para seguir mellorando o Hospital, a execución da VAC da Costa, a xestión do Centro de Investigación da Mariña ou a construción do segundo martelo do porto de Burela, entre outras.

Por todo elo, o popular considera que “os dirixentes sanchistas” deben “dar un paso atrás e pedir incluso desculpas polas súas críticas”. Sobre todo, engade, porque o investimento previsto supón “unha inxección económica por cada veciño moi importante”.

“Creo se trata dun dato que no debe de pasar desapercibido nun momento, ademais, no que o Partido Socialista está a levar á Mariña á peor crise que tivo coa situación de Alcoa. Os feitos dan e quitan razóns, e o datos aportan credibilidade. A realidade é que a Xunta arroupa continuamente aos mariñaos, véxase a proposta de estatuto presentada polo presidente Feijóo, e o PSOE o único que fai é darnos bofetadas”, remarca.

O deputado do PP maniféstase así “moi decepcionado coa actitude do socialistas, que teñen máis de sociolistos que de socialistas”, sobre todo, cando no último presuposto do bipartito, A Mariña recibiu da Xunta de Galicia case 3,5 millóns de euros menos con respecto ao exercicio anterior. Esta disminución aínda foi máis superior se se compara coa do último ano do PP no Goberno galego. En 2005 o investimento da Xunta xa fora de 149 euros máis por habitante que o do “matrimonio fracasado que formaran naquel entón o PSOE e o BNG”. 

Daniel Vega conclúe que “as palabras lévaas o vento, pero as cifras non”. “A realidade é tozuda, e a realidade é que a Xunta de Galicia, ademais das partidas anunciadas, o Goberno de Feijóo soporta ao 100% o mantemento dos servizos sanitarios, dos colexios, dos xulgados, etc. É dicir, a Xunta de Galicia é con diferencia á aliada da nosa comarca. É a administración que máis inviste na nosa zona con diferencia”, sentencia.

Os populares saíron ao paso das críticas efectuadas polo PSOE aos orzamentos da Xunta para 2020 lembrando que as contas elaboradas polo Goberno Feijóo para o ano próximo multiplican por once o investimento que o último Goberno bipartito destinou á provincia de Lugo.

Desde o PP achegan datos concretos e explican que o investimento por lucense consignado polo último goberno de socialistas e nacionalistas era de 374 por lucense, unha cantidade moi inferior ao investimento previsto nas contas autonómicas de 2020, que elevan esta cifra ata os 4.252 euros por lucense, isto é, un orzamento once veces superior.

Para os populares o verdadeiro corta e pega está na valoración que desde o PSOE fan ano tras ano das contas autonómicas, xa que volven a recorrer a tópicos como “electoralistas, ciencia ficción ou débeda histórica” que están baleiros de contido porque son incapaces de apoiarse en datos ou argumentos concretos.

Se como asegura o PSOE os investimentos da Xunta son insuficientes e converten a Lugo “na cincenta das provincias galegas”, desde o PP preguntan que cualificativo tería que empregarse para definir unhas contas, as do bipartito, moi inferiores e, pese a iso, que contaron co voto favorable do PSOE e do propio Tomé, que daquela era deputado autonómico.

0.34141302108765