"Poñeremos en marcha un equipo Genuine e queremos crear un filial sénior e outro feminino"

TerraChaXa
Juan José Vázquez Carreira, coñecido como Carreiras, vén ocupar o pasado día 1 de xullo, a presidencia do Rácing Club Vilalbés.
carreiras presidente vilalbes_portada
4 Jul 2021

Juan José Vázquez Carreira, coñecido entre a veciñanza vilalbesa como Carreiras, vén ocupar o pasado día 1 de xullo, a presidencia do Rácing Club Vilalbés tras un proceso de renovación da directiva trala renuncia de Francisco Ruíz.

Carreiras dá aos seus 64 anos un paso máis con este cargo na súa historia de amor co Rácing, que comezou cando era un rapaz vestido de verdivermello, equipo ao que estivo vinculado durante todos estes anos.

Como comezou a túa relación co Vilalbés?

Pois como empezan todos os amores, como xogador, primeiro xuvenil e logo no equipo sénior como centro campista, durante 13 anos. Nunca quixen cambiar e nunca xoguei noutro equipo que non fose ese. Despois, cando o deixei estiven outros 12 anos en dúas directivas con dous presidentes distintos.

Como decidiches dar este paso para ocupar a presidencia do club?

Pois foi un pouco un proceso natural. Levaba xa catro anos colaborando con Ruíz como delegado para os rapaces da base así que non supoñía moita novidade. Ademais finalmente continuará o mesmo equipo directivo, agás Ruíz, polo que o proceso é algo máis fácil.

Entón, haberá continuidade no traballo da directiva?

Por suposto, é importante que segan os mesmos para botar unha man ao principio. Dende que eu fun directivo, alá por finais dos 80 e principios dos 90, estamos a falar dun Vilalbés diferente. Cambiou moito porque ahora ten unha estrutura moito máis grande con todos os equipos do fútbol base e antes só tíñamos xuvenís e sénior. De feito, a directiva coa que entrei eu foi a que puxo en marcha o fútbol base, que non existía. Ademais, Ruíz tamén comprometeuse a colaborar xa que hai moitas cousas coas que teño que poñerme ao corrente.

Con qué proxectos empezaredes?

Hai moitas cousas, moitos proxectos, a liña está clara, será continuísta pero o gran problema coma sempre son os cartos. Aínda que o primeiro equipo é autosuficiente economicamente, o Rácing non ten capacidade económica para soportar as categorías de base. Vai depender moito os equipos que haxa das subvencións que nos concedan a Deputación e o Concello. Pero o que si temos confirmado xa para poñer en marcha é un equipo Genuine, que xa Ruíz tiña todo preparado pero que o covid parou a súa estrea. Formarase con xogadores con discapacidade intelectual, aproveitando que temos aquí o Centro Ocupacional. Eso xa está decidido e en canto as condicións nolo permitan irá para diante. Para nós é un orgullo, xa que en Galicia só hai tres equipos Genuine porque lles obriga a Liga, o Deportivo, o Lugo e o Celta, pero de afeccionados non hai ningún, seremos os primeiros. Non sabemos si nos admitirán na Liga, pero si faremos amistosos ou excursións, ou outras actividades.

E outros proxectos?

Esta temporada vai ser piloto, porque non temos moitas referencias destas dúas tempadas pasadas. Pero si os cartos nos dan, a idea é facer un equipo filial para dar saída aos rapaces que rematan a etapa xuvenil, e non poden acceder ao primeiro equipo. A verdade é que non é facil para eles, de feito, nestes últimos oitos anos, só un xogador chegou a esta meta, que é Veres porque é un salto moi grande. Pero todo son dificultades porque para facer isto atopamos o problem das instalacións. O estadio da Madalena non reúne as medidas e non se pode competir nel e o Roca está nunhas condicións deplorables, o que nos leva de volta ao mesmo sitio, os cartos.

Tamén trataremos de facer un equipo feminino, é un vacío que temos en Vilalba, gustaríanos levalo a cabo pero temos os mesmos condicionantes, as instalacións, os cartos… pero veremos o que podemos facer.

Como é a relación do Rácing cos veciños de Vilalba?

Pois necesitamos que o pobo se implique un pouco máis, a sociedade vilalbesa está un poco deixada de lado, queremos tratar de facer varios actos e ver si así se mostran un pouco receptivos e se prestan a colaborar.

É difícil para o Rácing manter toda a súa estrutura nunha localidade do tamaño de Vilalba?

É díficil. Non deixa de ser un logro para unha localidade de 15.000 habitantes como Vilalba ter un equipo xuvenil en Liga Nacional. De feito, en Liga Nacional en Terceira só hai tres equipos en Galicia pero é difícil reunir unha serie de xogadores bos porque cando tes algún xogador con posibilidades xa cho levan. E despois o salto de xuvenil a Terceira é moi grande. Incluso equipos como o Deportivo pasan moi poucos xogadores ao filial de Terceira.

A gran sorte que temos é que o Rácing a nivel galego está moi ben catalogado. Todas as directivas que foron pasando foron bastante serias no trato co xogador. A día de hoxe hai equipos de Terceira División que deben 3 e 4 meses de salario. Nós, pola contra, temos todo pagado e eso é algo que nos axuda para ter algún xogador que doutra maneira no poderíamos ter. Somos dos que menos pagamos de toda a categoría pero a seriedade e o bo ambiente axuda. De feito temos xogadores de fóra que levan a 5, 6 e ata 9 anos con nós. Esta é realmente a gran baza que temos para traer xogadores.

Que plan hai para o equipo este ano? Moitas renovacións?

Renovaron Rumbo, o porteiro; os tres capitáns, subiu ao primeiro equipo Rares, tamén renovaron Buyo, os irmán Varela, Ángel e logo fichamos a tres xogadores, o defensa Jorge Tomé que vén do Arzúa, e dous dianteiros, Vela, que o ano pasado estivo en Bergantiños, e Otero, que vén do Paiosaco. Estamos aínda en conversas co resto de xogadores que estiveron o ano pasado e en consonancia con eso si temos que fichar algún máis farémolo. Quen non repite é Muíña, que levaba moitos anos pero que deixa a competición deste nivel. A Liga empezará o 5 de setembro e ata esa data seguro que teremos máis novidades.

E qué necesita o Rácing?

O que necesitamos é que a xente comprenda que co fútbol base fai unha función social. Deportivamente non saca beneficio e economicamente perde cartos. Polo tanto, se é unha función social o máis normal é que as institucións teñan que botar unha man. O Rácing fai un esforzo tremendo aportando cartos para a base e despois temos moita xente que non cobra nada e que axuda a soster os 15 equipos que temos. Nós non podemos facer milagres, temos que ter o apoio das administracións porque o que non podemos é poñer ao equipo nunha situación que sexa de risco para o seu futuro.

Necesitamos o Roca pero necesitamos que as institucións nos botean unha man aí porque como o campo é privado non temos dereito a subvencións. Ese campo só é para o base e cómenos moitísimos recursos.

carreiras presidente vilalbes
juan jose vazquez carreira presidente vilalbes
vilalbes
0.16679310798645