Ponse en marcha unha nova edición da Escola Municipal de Teatro de Vilalba

Púxose en marcha unha nova edición da Escola Municipal de Teatro, que dará comezo o xoves 5 de febreiro. De maneira excepcional, esta edición desenvolverase entre os meses de febreiro e xuño e terá carácter totalmente gratuíto, xa que en futuras convocatorias volverán aplicarse as taxas correspondentes.
Coa Escola Municipal de Teatro, o Concello de Vilalba pretende fomentar a creatividade e a expresión artística das persoas participantes, ofrecendo unha alternativa de lecer cultural dirixida a distintos públicos. A actividade está orientada a diferentes grupos de idade e contará cunha formación teatral adaptada a cada nivel.
As clases organizaranse en tres grupos. O grupo infantil, dirixido a nenos e nenas de entre 6 e 10 anos, contará con 12 prazas e desenvolverase de 17.30 a 18.30 horas. O grupo xuvenil, para mozos e mozas de 11 a 17 anos, disporá tamén de 12 prazas e terá horario de 18.30 a 20.00 horas. Pola súa banda, o grupo de persoas adultas, a partir dos 18 anos, contará con 20 prazas e impartirase de 20.15 a 22.15 horas.
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o día 3 de febreiro ás 14.00 horas. As persoas interesadas poderán formalizar a súa solicitude a través da sede electrónica do Concello de Vilalba ou mediante rexistro presencial nas dependencias municipais. Dado que o número de prazas é limitado, a admisión realizarase por rigorosa orde de rexistro das solicitudes.
A realización das clases quedará condicionada á existencia dun número mínimo de alumnado que garanta a viabilidade de cada grupo. No caso de non acadar polo menos cinco persoas inscritas, a actividade non se levará a cabo.