Pontón pon como exemplo a Muras pola súa iniciativa pioneira para abaratar a factura da luz

TerraChaXa
A líder do BNG e o alcalde da localidade chairega develaron que Galiza perderá 1,6 millóns de euros a favor das eléctricas tras o cambio normativo de Rueda no canon eólico
ponton-alcalde-de-muras
26 Jan 2026

A portavoz nacional, Ana Pontón, desvelou que Galiza perderá 1,6 millóns de euros a favor das eléctricas tras o cambio normativo do Goberno do PP no canon eólico que, recalcou, “para sorpresa de ninguén, beneficia ás eléctricas e vai en contra dos intereses do País”.

Unha modificación lexislativa coa que Alfonso Rueda volve demostrar que “goberna para as eléctricas” ao rebaixarlles o imposto do canon eólico de tal xeito que en 2026 pagarán un 64% menos, advertiu Pontón, quen explicou que esta cifra corresponde a tan só os oito parques que teñen un permiso de repotenciación.

Un total de 1,6 millóns de euros que, recalcou, “saen das arcas públicas e van entrar nos petos das eléctricas, grazas ao Partido Popular”. “Un agasallo millonario ás eléctricas nunha Galiza rica en electricidade, pero que ten a 300.000 persoas en pobreza enerxética e que este inverno non están podendo prender a calefacción”, recalcou en rolda de prensa xunto ao alcalde de Muras, Manuel Requeijo.

A líder nacionalista advertiu que estes 1,6 millóns de perda de ingresos en 2026 irá aumentando a medida que aumenten os parques eólicos que se repotencien, é dicir, que cambien muíños vellos por outros de nova tecnoloxía ou con alturas moi superiores.

“O PP impuxo un cambio na normativa do canon eólico a favor das eléctricas que entra en vigor este ano e o que sabemos é que gañan as multinacionais e perde Galiza, en particular os concellos e a veciñanza que soportan parques eólicos no seu territorio”, afondou, para apuntar a continuación que isto vai supoñer unha importante perda de recursos para moitos concellos que xa están afogados economicamente á hora de facer fronte, por exemplo, a servizos básicos como o SAF.

“Os concellos galegos non poden pagar o SAF, pero o Goberno do Partido Popular quítalles ingresos para que as eléctricas gañen máis e paguen menos impostos polos parques eólicos”, sintetizou.

Neste contexto, contrapuxo a posición dun PP que goberna a favor do sector eléctrico coa do BNG, que antepón os intereses da veciñanza aos das eléctricas, o que exemplificou no concello de Muras, o municipio que ten máis muíños eólicos de toda Galiza e onde o goberno nacionalista, primeiro, puxo en marcha unha iniciativa pioneira para abaratar a factura da luz aos seus veciños e veciñas e, agora, vén de lograr un salientable acordo con Iberdrola en favor do concello.

Un acordo, explicou, que supón “un cambio de paradigma” e que demostra como desde a negociación firme coas eléctricas “se consegue moito máis que desde a submisión que practica o Partido Popular”.

“Un concello do BNG foi capaz de facer o que Rueda é incapaz, que é negociar cara a cara cunha multinacional eléctrica para lograr un reparto máis xusto da riqueza eólica”, reivindicou, para emprazar a continuación ao Executivo do PP a seguir o exemplo do Bloque en Muras, na vez de “aumentar a conta de resultados das eléctricas”. “Pídolle ao señor Rueda que tome nota de que se pode negociar a favor de Galiza e deixar atrás a submisión ás eléctricas”, reclamou.

Nesta liña, puxo en valor como o concello de Muras se puxo á fronte directamente nunha negociación para que o municipio obtivera máis ingresos pola súa riqueza eléctrica en lugar de perdelos como pretendía o PP, de tal xeito que acadou un acordo con Iberdrola por un parque eólico polo que Muras recibirá 125.000 euros anuais e o importe equivalente ao 2,5% da produción anual no parque repotenciado, en ambos casos actualizado co IPC e durante 25 anos.

Pontón mostrouse orgullosa dun acordo que demostra como o Bloque defende os intereses da cidadanía fronte ás eléctricas e solicitou a Rueda que rectifique e siga o exemplo do BNG “poñendo á xente ante que as eléctricas”.

Con este obxectivo, emprazouno a apoiar a iniciativa que defenderá a organización nacionalista no próximo Pleno do Parlamento para modificar a normativa do canon eólico e do fondo de compensación ambiental, con tres propostas fundamentais.

A primeira, que as eléctricas paguen impostos tendo en conta a potencia eléctrica de cada parque eólico, con independencia de se esta está distribuída en 20 muíños ou se soamente hai dous porque, subliñou, “hai que poñer fin a ese agasallo fiscal de 1,6 millóns de euros”.

En segundo lugar, o BNG propón que se promova a participación pública e comunitaria na xestión e aproveitamento dos recursos eólicos e, moi particularmente, de todo que ten que ver co impacto que estes teñen a nivel local.

E, en terceiro lugar, ampliar os destinos posibles de investimento para os recursos que reciben os concellos a través do canon eólico (o denominado fondo de compensación ambiental), permitindo que eses recursos tamén se poidan destinar a emprego, a manter servizos básicos ou a dinamizar o rural.

Pola súa parte, o alcalde Muras afondou nos termos do acordo logrado con Iberdrola e que permitirá reverter máis recursos da súa riqueza enerxética a un municipio que ten 20 parques eólicos, o que máis de toda Galiza, con 381 muíños instalados.

Requeijo explicou que en virtude do acordo acadado con Iberdrola para a renovación dun parque eólico, a eléctrica pagará ao concello abonará todos os anos durante a vida útil do parque 125.000 euros (indexados ao IPC) para o pago das axudas da luz que o goberno local mantén activas desde 2015.

Ademais, o concello percibirá anualmente o equivalente ao 2,5% da produción do parque, o que no primeiro ano suporá 325.000 euros, cunha cláusula pola que o canon mínimo a recibir será de 200.000 euros aínda que ese 2,5% da produción sexa inferior a esta cantidade.

Ademais, as persoas empadroadas en Muras poderán acceder ás bolsas da Fundación Iberdrola e, durante os tres primeiros anos logo da repotenciación do parque, os propietarios históricos das parcelas onde está instalado terán preferencia para recuperar os terreos para o uso que eles consideren.

Por último, cando entre en funcionamento o parque todas as pistas, vías municipais e estradas deberán estar aglomeradas por parte de Iberdrola, actuación que supón unha contía elevada e que reverterá polo tanto tamén en beneficio do municipio, salientou Requeijo, quen concluíu amosando a súa satisfacción por un acordo tan beneficioso para un concello de tan só 600 habitantes.

⚙ Configurar cookies
0.074055194854736