Pontón propón en Friol un plan de rescate do rural
Aposta por medidas como reverter os recortes en sanidade, educación e garantir servizos bancarios; mobilizar 100.000 hectáreas para producir alimentos de calidade e apostar pola innovación e a comercialización.
A portavoz nacional, Ana Pontón, visitou en Friol varios proxectos innovadores e sustentables no medio rural, promovidos por mulleres, que a líder do BNG puxo como exemplos de que é posible un rural vivo e con futuro se conta cunha política de goberno que mude o abandono do Executivo do PP por apoio.
Un abandono que ten cifras: en 2021 quedou sen executar o 21% do orzamento e desde 2009 o investimento en valorizar e dinamizar o medio rural caeu en 1.412 millóns de euros.
“As políticas do PP teñen como consecuencia un rural que vai a menos, que perde poboación, no que as rendas son un 25% inferiores á media e cun recorte progresivo de servizos básicos en educación, sanidade e até bancarias”, explicou Pontón tras visitar Traloagro, un proxecto sustentable de produción de vacún en Friol.
Pontón destacou que o 90% do territorio é rural e ten o 40% da poboación e, polo tanto, non pode entenderse Galiza sen o rural. “Queremos un medio rural vivo”, salientou, por iso o BNG propón un Plan estratéxico para un rural vivo e con futuro estruturado en dez liñas de actuación que ten como principal baza unha política de discriminación positiva en materia de servizos públicos, con medidas concretas: manter os servizos educativos, -o PP na Xunta pechou 110 escolas unitarias-, reverter os recortes sanitarios no medio rural, garantir os servizos bancarios e reforzar todos os servizos sociais.
A segunda liña estratéxica ten como obxectivo conseguir un rural produtivo que permita a soberanía alimentaria, e para iso inclúe rescatar 100.000 hectáreas en dez anos para uso agrario. “Producir alimentos de calidade é clave como acabamos de ver na pandemia”, argumenta, pero a superficie destinada a produtos de consumo humano e o 3,9%, mentres que no conxunto do Estado é o 25,5%, por contra, Galiza ten un 20% do seu territorio ocupado por eucaliptos.
Unha produción no sector agropecuario que debe ir acompañada de innovación, investigación e transformación, terceira liña estratéxica; e nesa mesma dirección, facilitar a comercialización, con centros comarcais de envasado e etiquetaxe parar facilitar a venda da produción de quilómetro cero; a creación dunha plataforma público-privada de comercialización online, a modo de amazon galego para produtos frescos e elaborados de orixe agrogandeira.
A quinta liña estratéxica do plan de rescate é a dotación en infraestruturas, cunha aposta pola dixitalización do medio rural e por estender as novas tecnoloxías, mellorar as comunicacións para garantir unha mobilidade propia do século XXI, potenciar o transporte público e apostar polo tren como transporte de conexión tamén na Galiza interior.
A sexta liña de traballo pon o foco en conseguir rendas xustas e dignas para produtores e produtoras, establecendo na Lei da cadea alimentaria un mecanismo de fixación de prezos que imposibilite vender a perdas.
Empoderar á muller no rural
Un aspecto igualmente fundamental do plan para un rural vivo son as políticas de igualdade para a muller, “darlle o recoñecemento e o papel que lles corresponde tamén no medio rural porque son imprescindibles, con máis apoio ás emprendedoras e con medidas eficaces de conciliación”, explicou.
Igualmente, oitava liña estratéxica, é imprescindible “rexuvenecer o rural”, e iso pasa por atraer a xente moza, por facilitar o relevo xeracional, indo máis aló das axudas directas, “porque só poderemos levar á mocidade ó medio rural cando lle ofrezamos servizos, rendas dignas, infraestruturas, boas comunicacións, ocio, tecnoloxía”.
Dada a importancia específica do sector lácteo, -con máis de 6.000 explotacións de vacún de leite-, o BNG inclúe a creación dunha empresa láctea público-privada con participación de pequenas produtoras e cooperativas para a transformación do leite en produtos de alto valor engadido. Finalmente, a décima liña estratéxica pasa por conseguir vincular as axudas da PAC á produción e non á superficie, para evitar o prexuízo do sector agroganderio galego.
“Non podemos estar a expensas do que outros queiran producir a miles de quilómetros, insistiu, e darlle futuro ó rural implica oportunidades económicas, ambientais e máis calidade de vida sobre todo con proxectos como os que hoxe vistamos en Friol que demostran que se pode producir con criterios ecolóxicos e de sustentabilidade, unha liña de traballo con enorme futuro pola que aposta o BNG”, concluíu.
Pontón visitou en Friol proxectos como Traloagro, de comercialización sostible de vacún galego; Panadería Concha, cos produtos elaborados ao xeito tradicional ou a Queixería ecolóxica Bértolos e Serranos. Acompañada da deputada por Lugo Olalla Rodil e da vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, tamén visitou o Museo de San Paio de Narla, cun proxecto en clave de igualdade, sustentabilidade e que pon en valor o traballo das mulleres no rural.