Pontón reclama á Xunta o desenvolvemento de solo empresarial en Muras para impulsar o emprego

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, anunciou que o seu grupo levará ao Parlamento galego unha iniciativa para reclamar ao Goberno de Alfonso Rueda que apoie o desenvolvemento de solo empresarial en Muras, un concello que, segundo destacou, ten unha base económica sólida para xerar emprego e riqueza pero sofre o freo da Xunta.
Pontón fixo estas declaracións durante unha visita ás instalacións do Grupo Plásticos Ferro, acompañada polo alcalde da localidade, Manuel Requeijo. A dirixente nacionalista cualificou a empresa, especializada na fabricación e comercialización de sistemas de tubaxes e accesorios plásticos, como un exemplo de 'innovación e éxito empresarial no rural'.
A líder do Bloque subliñou que proxectos coma este, que levan anos contribuíndo ao desenvolvemento económico e á creación de emprego na comarca, precisan o máximo apoio das Administracións públicas. 'Hai vontade para seguir medrando e creando máis emprego, polo que non se entende que a Xunta poña paus nas rodas ao desenvolvemento económico de Muras', afirmou.
Pontón lembrou que Muras é o concello con máis parques eólicos de toda Galiza, pero que non recibe o retorno económico que lle correspondería pola riqueza enerxética que xera. Por iso, defendeu que o aproveitamento da enerxía debe ir acompañado da creación de emprego e do impulso do tecido industrial.
Durante a súa visita ao municipio, na que tamén percorreu o CEIP Antía Cal, o Punto de Atención á Infancia e se reuniu con representantes do sector do mel, Pontón insistiu na proposta do BNG de crear unha tarifa eléctrica galega. Esta medida, explicou, permitiría reducir o custo da enerxía para familias, Pemes e tamén grandes empresas, compensando os impactos ambientais, sociais e económicos derivados da produción eléctrica.
A portavoz nacional destacou o exemplo de Muras, onde grazas a unha iniciativa do goberno local encabezado por Requeijo, os veciños e pequenas empresas gozan de rebaixas na factura da luz. 'Este é o modelo que queremos estender a toda Galiza: poñer a riqueza eléctrica do País ao servizo da xente e non do lobby enerxético', concluíu.