Por primeira vez, unha muller resultou gañadora de dous vales no Mercado de Nadal de Muimenta


A Asociación de Empresarios de Muimenta fará este martes, 20 de xaneiro de 2026, a entrega dos vales premiados correspondentes á XVII edición do Mercado de Nadal de Muimenta, celebrada entre o 1 de decembro de 2025 e o 5 de xaneiro deste ano. En total apareceron 15 dos 19 vales sorteados, cun importe de 100 euros cada un, o que suma un total de 1.500 euros en premios.
O sorteo estivo vinculado ao número premiado no Gordo da Lotería do Neno, que este ano foi o 06.703. Segundo informou a directiva do colectivo empresarial, os vales localizados serán entregados nun acto que terá lugar ás 20.00 horas no local que a asociación ten na Casa da Cultura de Muimenta.
Ao acto asistirán representantes de Abanca, o presidente da Federación de Comercio de Galicia, José María Seijas, así como membros da directiva da Asociación de Empresarios de Muimenta, entidade que agrupa a comerciantes, profesionais, autónomos e gandeiros da vila.
Os premios deberán ser consumidos antes do 20 de febreiro nos establecementos adheridos ao colectivo empresarial de Muimenta. Nesta edición deuse a circunstancia singular de que unha mesma persoa, Azucena Chao, resultou agraciada con dous vales premiados correspondentes a papeletas da Perruquería Raquel e do Estanco.
O XVII Mercado de Nadal de Muimenta estivo organizado pola Asociación de Empresarios da localidade e contou coa colaboración de Abanca, Corporación Bancaria, e da Federación de Comercio de Galicia, co obxectivo de dinamizar o comercio local durante as datas do Nadal.