Por segundo ano consecutivo a seguridade en Guitiriz evoluciona favorablemente
A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, copresidiron a Xunta Local de Seguridade na que se puxo de manifesto a favorable evolución da seguridade por segundo ano consecutivo neste concello.
Isabel Rodríguez informou de que, no que vai de ano, produciuse un importante descenso na delincuencia, polo que felicitou á Garda Civil polo seu traballo e animouna a proseguir na mesma liña de traballo porque “os datos son favorables por segundo ano consecutivo, pero non hai que darse por satisfeitos nin baixar a garda cando se trata da seguridade das persoas”.
A subdelegada indicou que, de acordo coas estatísticas da Garda Civil, entre os meses de xaneiro e xullo deste ano rexistráronse en Guitiriz 42 infraccións penais, 28 por delitos graves ou menos graves e 14 por delitos leves, o que supón un 27,59% menos que no mesmo período do ano anterior cando se produciran un total de 58 infraccións.
Cabe destacar a caída nos delitos contra as persoas, que baixaron de 2 a 1, e contra o patrimonio, pois pasaron de 18 a 17. Baixaron tamén os delitos contra a liberdade, de 3 a 2, e contra a administración de xustiza, ao pasar de 3 a 2. En cambio, aumentaron as falsidades, de 0 a 2, e as infraccións contra a seguridade colectiva, que inclúen delitos contra a seguridade viaria ou contra a saúde pública, que pasaron de 5 a 6.
VIOLENCIA DE XÉNERO
A subdelegada do Goberno tamén chamou a atención sobre a situación da violencia de xénero e informou de que, no que levamos de ano, rexistrouse en Guitiriz 2 denuncias por este motivo. No ano 2019 houbera 3 denuncias e en 2018 foran 5 as denuncias presentadas por delitos de violencia de xénero.
POSITIVO BALANCE DO 2019
A Xunta Local de Seguridade tamén fixo balance da evolución da criminalidade durante o ano 2019, que acabou con unha taxa de criminalidade de 17,69 por mil habitantes, que está por debaixo da media da provincia (22,8) e de Galicia (29,7).
Durante 2019 rexistráronse un total de 97 infraccións penais, 59 por delitos graves e menos graves e 38 por delitos leves. Esta cifra supón que a delincuencia experimentou un descenso do 1,02% respecto ao ano anterior, cando se produciran 98 delitos en Guitiriz.
Ademais, os axentes da Garda Civil detiveron o ano pasado a 15 persoas pola presunta implicación en feitos constitutivos de delitos e investigou a outras 25.
PLANS OPERATIVOS DE SEGURIDADE
Outro asunto abordado na xuntanza foi a marcha dos plans operativos da Secretaría de Estado de Seguridade, condicionados este ano pola pandemia do COVID-19. Por este motivo, a Garda Civil non puido realizar todas as actividades que tiña programadas nos centros escolares de Guitiriz.
A suspensión das clases nos centros escolares obrigou a deixar pendentes 6 charlas que estaban programadas para o terceiro trimestre do curso tanto en Guitiriz como en Parga. Ata esa data realizáranse dúas charlas que trataron sobre violencia de xénero e impartíronse no CEIP Plurilingüe Lagostelle e no IES Santo Estevo de Parga.