Portolamas comprométese a “traballar polas 18 parroquias de Guitiriz" no peche de campaña

TerraChaXa
Portolamas comprométese a “traballar polas 18 parroquias de Guitiriz e por un Concello de presente e futuro”
MITIN GUITIRIZ peche campana pp
27 Maio 2023

O candidato do PP á Alcaldía de Guitiriz, José Manuel López, Portolamas, pechou a campaña electoral cun mitin no restaurante La Casilla arroupado polo responsable de Facenda e Administración Pública do Goberno galego, Miguel Corgos, e o senador lucense José Manuel Barreiro.

Portolamas manifestou o seu “compromiso de traballar polas 18 parroquias do concello de Guitiriz” e coa vontade de construír “un Concello próspero con presente e futuro para nós, os nosos fillos e os nosos maiores, un Concello onde querer vivir e traballar”.

Así mesmo, fixo un pequeno resumo do programa electoral co que concorren os populares ás eleccións municipais pedindo a confianza dos guitiricenses para, entre outras cousas: crear a concellería do maior, que Guitiriz teña unha Galiña Azul, atender ás 99 persoas que están esperando recibir o servizo de axuda no fogar, manter as beirarrúas e contedores limpos, actualizar o PXOM ás necesidades actuais de Guitiriz, apoiar ao noso rural e aos nosos gandeiros, levar fibra óptica ao rural e dotalo de traídas de auga e saneamento e traer unha unidade da UME para o campamento de Santa Cruz.

O alcaldable popular tamén aproveitou o acto para agradecer a acollida por parte dos veciños, o apoio dos colaboradores e compañeiros da candidatura, así coma do Partido Popular da provincia e de Galicia.

APOIO XUNTA VS. AGRAVIOS DO GOBERNO DE SÁNCHEZ

O titular de Facenda e Administración Pública do Goberno galego, Miguel Corgos, ademais de amosar o seu apoio ao candidato, salientou o compromiso do Goberno galego co concello de Guitiriz e lembrou que coas rebaixas fiscais aprobadas polo Executivo autonómico de media cada galego aforrará 476 euros ao facer a declaración do IRPF correspondente ao ano 2022.

Corgos tamén subliñou que o Programa de Impostos 0 no rural, pioneiro en España, favorece a mobilización de terras agrarias e a actividade agrogandeira e que calquera veciño que queira comprar fincas rústicas, vendelas ou agrupalas non paga impostos.

Igualmente, expresou o claro compromiso do Goberno galego co reequilibrio territorial, polo que, orzamento a orzamento, investimos máis nos veciños da provincia de Lugo. Como exemplo, dixo que este ano o investimento por veciño en Lugo é de 5.288 €, o maior das catro provincias.

O senador, José Manuel Barreiro, lembrou que “votar ao PSOE é apoiar a Pedro Sánchez” e por iso apela ao voto maioritario ao Partido Popular para dicir “un non claro ás políticas sanchistas”. Tamén amosou a súa confianza en Portolamas e o seu equipo para recuperar a alcaldía de Guitiriz e dar aos guitiricenses un goberno estable, con capacidade de xestión e que se preocupe por solucionar os problemas dos seus veciños e veciñas.

Barreiro incidiu durante a súa intervención nas “nefastas políticas” do Goberno que preside Pedro Sánchez co apoio, entre outros, do BNG” citando, por exemplo, a lei do solo si es si ou a lei de vivenda que non fai nada por solucionar o problema da okupación. E, condenou, “os agravios á provincia de Lugo e a Galicia” que se poñen de manifesto coa discriminación aos gandeiros galegos nas axudas para paliar a seca ou coa negativa a reconstruír os dous viadutos do Castro de forma simultánea para devolver aos lucenses unha conexión por estrada rápida e segura coa meseta.

0.14396905899048