Portos de Galicia executa obras de mellora do pavimento nos peiraos pesqueiro e comercial de Ribadeo e no de Porcillán

TerraChaXa | AMariñaXa
25 Xuño 2019

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, está a realizar as obras necesarias para reparar a explanada de descarga existente fronte á lonxa de Ribadeo e o viario adoquinado do peirao de Porcillán. Estas actuacións contan cun investimento de máis de 30.000 euros, segundo destacou hoxe o presidente do ente público, José Juan Durán, nunha visita á localidade para supervisar o desenvolvemento das obras.
Os traballos a realizar inclúen a reposición de 524 metros cadrados de pavimento de formigón nos portos pesqueiro e comercial de Ribadeo e 120 metros cadrados de pavimento adoquinado no peirao de Porcillán. Unhas actuacións que responden á petición da Confraría de Pescadores de Ribadeo e aos informes realizados polo gardapeiraos sobre algunhas deficiencias nas explanadas portuarias.
Os técnicos de Portos de Galicia avaliaron o estado das instalacións e consideraron necesario realizar actuacións de mellora, polo que se procedeu á contratación das obras, que se prevé que estean rematadas nas próximas semanas.
O presidente do ente público aproveitou a visita para manter unha xuntanza de traballo co patrón maior da confraría de pescadores de Ribadeo, na que abordaron cuestións de interese para o colectivo profesional da zona e analizaron o estado das infraestruturas portuarias desta localidade lucense.

0.18694496154785