Portos de Galicia fará actuacións de urxencia na nave de redes de Celeiro

TerraChaXa | LugoXa
A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, visitou o porto de Celeiro, onde mantivo unha reunión cos representantes da confraría de pescadores local co obxectivo de coñecer e analizar as actuacións que é necesario realizar neste peirao para mellorar os servizos aos usuarios.
14 Xan 2020

A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, visitou o porto de Celeiro, onde mantivo unha reunión cos representantes da confraría de pescadores local co obxectivo de coñecer e analizar as actuacións que é necesario realizar neste peirao para mellorar os servizos aos usuarios. Entre elas, a representante do organismo dependente da Consellería do Mar destacou que está previsto acometer traballos de urxencia para reparar a nave de redes local -que sufriu danos na cuberta ao soltarse varias pranchas do teito como consecuencia dos temporais de finais de decembro- e realizar posteriormente melloras na estrutura que eviten que casos coma este se repitan no futuro.

Con este obxectivo, Portos de Galicia vai actuar con carácter de urxencia para facer fronte aos danos causados polo temporal e responder ás necesidades máis inmediatas e elaborará posteriormente un proxecto técnico para contratar as actuacións necesarias para mellorar o estado do inmoble o antes posible.

A presidenta do organismo dependente da Xunta tamén visitou a antiga nave de xeo de Celeiro, que sufriu un incendio a finais de ano, e analizou co sector a súa situación. Susana Lenguas informou de que está previsto limpar de xeito inmediato o seu interior e adiantou que a continuación Portos de Galicia procederá a contratar un proxecto para o seu derrubamento. 

A presidenta de Portos de Galicia e os representantes da confraría de pescadores de Celeiro aproveitaron a xuntanza para analizar tamén outros proxectos previstos para este ano, como a dragaxe do porto ou o reforzo do dique comercial, así como outras actuacións de mellora de distintas infraestruturas como distintas naves portuarias ou pantaláns. O ente público analizará as necesidades máis urxentes e estudará o xeito de actuar coa maior celeridade posible para facilitar o traballo diario dos usuarios deste peirao lucense.

0.17687201499939