Portos de Galicia flexibiliza o pago das taxas nos peiraos

TerraChaXa | LugoXa
7 Abr 2020

Portos de Galicia, dependente da Consellería do Mar, vén de flexibilizar o pago das taxas nos peiraos autonómicos ante a declaración do estado de alarma polo coronavirus co obxectivo de aliviar a situación económica dos seus usuarios. Entre as medidas adoptadas polo ente público encóntrase a ampliación do prazo voluntario para o pago das liquidacións de impostos xa emitidas e que vencían a partir do 18 de marzo, unhas taxas que agora poderán aboarse ata o próximo 30 de abril.

Portos de Galicia tamén acordou adiar ata dous meses despois de que remate a declaración do estado de alarma a emisión de novas facturas por taxas portuarias, unha decisión que ten como obxectivo aliviar posibles tensións de tesourería ás entidades e empresas usuarias dos portos e favorecer a existencia de liquidez para que poidan manter a súa actividade unha vez superada esta situación excepcional pola alerta sanitaria. A maiores, os contribuíntes poderán beneficiarse dos adiamentos e fraccionamentos habituais previstos tanto na lei xeral tributaria coma nos regulamentos de recadación en vigor na comunidade.

Estas medidas, que foron comunicadas onte pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, á Federación Galega de Confrarías de Pescadores e á Asociación Galega de Depuradores de Moluscos (Agade), afectan a servizos especiais como a entrada ou estadía de barcos nos peiraos galegos, a atracada, o tráfico de mercadorías e pasaxeiros, de produtos do mar ou o tránsito de embarcacións deportivas ou de lecer. Tamén a outros servizos específicos como guindastres, almacenaxe, locais e edificios, fornecementos ou servizos diversos, así como as taxas portuarias polo exercicio de actividades comerciais, industriais e de servizos.

0.20374608039856