Portos de Galicia iniciará o próximo ano a dragaxe do porto de Celeiro
A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, salientou como fundamental a mellora e modernización das infraestruturas portuarias para que a pesca galega siga sendo un sector estratéxico e cun valor xerado moi superior á media española. Con este obxectivo, explicou durante a inauguración das XXIV Xornadas técnicas de difusión do sector pesqueiro, o ente dependente da Consellería do Mar iniciará o próximo ano importantes actuacións en Viveiro como a dragaxe do porto de Celeiro e a redacción dos proxectos para a construción do pantalán de embarcacións menores e a ampliación do espigón do peirao comercial.
Segundo explicou a presidenta do ente público, a dragaxe do porto de Celeiro vén a dar resposta a unha demanda do sector e permitirá mellorar a operatividade no peirao e a capacidade de manobra das embarcacións. A actuación contará cun investimento de máis dun millón de euros, cantidade que se suma aos arredor de catro millóns de euros que o Executivo galego leva investidos nos últimos dez anos no concello de Viveiro para facilitar as actividades pesqueiras e portuarias.
De feito, Susana Lenguas destacou a importancia do porto de Celeiro como o terceiro de Galicia en actividade pesqueira froito da descarga anual de arredor de 14.000 toneladas de produtos do mar e unha facturación próxima aos 50 millóns de euros. “Por iso, é ineludible que facilitemos o labor diario nos nosos portos a todos aqueles que por un ou outro motivo dedican a súa vida ao mar”, subliñou a presidenta do ente público.
A esas importantes actuacións que está previsto que comecen o próximo ano, engadiu a representante do organismo dependente da Consellería do Mar, súmanse os habituais traballos de conservación e mantemento dos peiraos co obxectivo de que as infraestruturas portuarias permitan o crecemento e a mellora económica das vilas galegas.
Neste sentido, a presidenta de Portos de Galicia mostrouse partidaria de traballar da man do sector para dar resposta ás necesidades que xurdan e asegurou estar convencida de que o mar ten futuro. Por iso, agradeceu a celebración destas xornadas e o labor dos seus organizadores, a confraría de pescadores de Celeiro, a Organización de Produtores Pesqueiros local (OPP-77) e o Grupo Puerto de Celeiro. “Van xa 24 edicións que contribuíron a converter Celeiro en capital da pesca e porto de atraque e partida de coñecemento, ideas e experiencias e motor de riqueza e emprego na Mariña lucense, polo que agardo que cumpra moitas edicións máis”, concluíu Susana Lenguas.