Portos de Galicia tramitará autorizacións para a extracción de semente de mexillón
Portos de Galicia vén de abrir o período de solicitude para a tramitación de autorizacións puntuais e extraordinarias para a extracción de mexilla, a semente de mexillón, no interior dos peiraos de titularidade autonómica. O ente público presidido por Susana Lenguas ten dispoñible xa a instancia de solicitude destes permisos na súa páxina web oficial, no enderezo www.portosdegalicia.com.
O outorgamento destas solicitudes estará suxeito ao cumprimento dos requisitos establecidos por Portos de Galicia co obxectivo de preservar a seguridade dos usuarios e embarcacións dos peiraos así como a súa plena operatividade, facendo compatibles a extracción de mexilla coas tarefas habituais dos portos. Esta medida ten un carácter excepcional para facilitar as condicións de traballo destes profesionais do mar ante a crise sanitaria provocada polo COVID-19.
A instancia de solicitude inclúe a redacción dunha memoria explicativa do procedemento de extracción na que se deberá indicar brevemente os medios que se van empregar, horarios previstos e número de embarcacións e persoas que intervirán. Así mesmo, no caso de empregarse embarcación, esta deberá aparecer identificada.