Portos inicia a reparación da cuberta da nave de redes Expomar do peirao de Burela

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, vén de iniciar as obras de reparación da nave de redes Expomar do peirao de Burela, que acolle dita feira con carácter bianual.
4 Maio 2020

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, vén de iniciar as obras de reparación da nave de redes Expomar do peirao de Burela, que acolle dita feira con carácter bianual. Esta actuación conta cun investimento de 40.000 euros e un prazo de execución estimado de dous meses. 

Os traballos consisten no subministro e instalación dunha nova canle de recollida de augas en aceiro inoxidable, así como a renovación da parte superior por chapa en aluminio lacada dun milímetro de espesor. Deste xeito, renóvanse as zona máis afectadas pola corrosión e que estaban a ocasionar filtracións de auga ao interior do recinto. 

En concreto, as obras inclúen a retirada dos elementos deteriorados, petos e canles de recollida de augas para o tratamento a través dun xestor autorizado e a substitución da canle de recollida de augas existente, actualmente en chapa, por outra en aceiro inoxidable. Para poder efectuar dita actuación é necesario desmontar a cuberta existente en panel sándwich para encaixar as laterais da canle por debaixo. 

Finalmente, a obra desenvolvida por Portos de Galicia engade a reposición dos parafusos, entronques coas baixantes e elementos necesarios para súa perfecta instalación. Esta actuación permitirá mellorar as condicións de traballo do sector profesional de Burela e máis concretamente do colectivo de redeiras. 

A feira Expomar

Expomar é unha feira monográfica con proxección internacional e de carácter bianual. A última edición, celebrada en 2019, estivo composta por 135 expositores, repartidos ao longo de 4.000 metros cadrados, nos que estiveron representadas unhas 300 firmas empresariais. De xeito paralelo a esta feira celébranse as xornadas técnicas Expomar, nas que se abordan temas de actualidade do sector pesqueiro.   

0.18784999847412