Pozomouro organiza unha xornada de actividades para despedir o outono

TerraChaXa
Haberá ruta, mercadiño de troco, degustación de produtos e música
actividade-muimenta-as-cantarelas
28 Nov 2024

Este sábado 30 de novembro, a localidade de Muimenta converterase no epicentro da cultura, a música e a gastronomía co evento As Cantarelas, que se celebrará na terraza do Tino, na praza Maior organizado por Pozomouro. Ten o obxectivo de poñer en valor o outono, os cogomelos e a comunidade local, a xornada promete unha combinación de aprendizaxe, intercambio e diversión.

O día arrincará ás 10:30 horas cunha ruta micolóxica, na que os participantes terán a oportunidade de explorar os arredores, identificar cogomelos e aprender sobre as súas características e usos. Xa pola tarde, a partir das 16:00 horas, terá lugar o mercadiño de troco, unha iniciativa que busca fomentar o consumo responsable.

O obxectivo do mercadiño é claro: intercambiar obxectos en bo estado que xa non se usen, como roupa, libros, xoguetes ou pequenos electrodomésticos, para darlles unha nova vida en mans doutros. Ao finalizar, o material sobrante será doado a unha boa causa, promovendo así unha economía circular e solidaria.

A partir das 20:00 horas, o evento dará paso á parte gastronómica cunha degustación de arroz con cogomelos, elaborada cos produtos máis representativos da tempada. A velada culminará con dous concertos especiais: Lidia Lchao, veciña de Muimenta, e o grupo Kreze, que animarán o público coas súas actuacións. A xornada rematará cunha pinchada colectiva que promete estender a festa ata a noite.

 

0.16892194747925