Pregoeiros nas Pontes: Escola de Baile Moderno das Pontes

TerraChaXa
Foi a entidade escollida para ler o pregón inaugural das festas, que será o venres 18 ás 20.30 horas
escola-baile-moderno-as.-pontes
17 Jul 2025

Como todos os anos, o Concello escolleu un colectivo ou organización con especial relevancia para ler o pregón inaugural das festas do Carme, que este ano terá lugar
o venres 18 de xullo, ás 20.30 horas. Nesta ocasión será a Escola Municipal de Baile Moderno a escollida para abrir oficialmente as festas. Para iso, o seu director, Jaime Pablo Díaz, será o encargado de falar no nome do grupo que representa. Ademais, eles mesmos serán os encargados tamén de abrir as actuacións nas Noites do Carme, o venres 11, ás 21.30 horas na praza América.

Como recibiu a escola a noticia de que foron escollidos para ser pregoeiros das festas?

Recibímola cunha ilusión inmensa e cun orgullo enorme. Para nós é un recoñecemento precioso ao traballo de tantos anos, ás nenas e nenos, ás familias, ás mestras, á cultura que sementamos día a día. Nós sentímolo como un premio compartido con todo o pobo.

Ten unha gran vinculación coa vila e a súa actividade?

A Escola está feita das Pontes e para ás Pontes. Todo o que facemos nace aquí e volve aquí: os festivais, as actuacións, as clases, as colaboracións, o Concello… Somos parte da vida cultural da vila e sentímonos parte dunha familia máis grande que é todo o pobo.

Pode adiantarnos un pouco do que vai falar no pregón?

Sen revelar todo, claro, podo dicir que será un pregón de agradecemento. Queremos falar das nenas e nenos, do valor de soñar, de bailar, de aprender xuntos. De todo o que une a Escola co corazón da vila. Queremos emocionar e facer lembrar, porque as festas son para festexar, pero tamén para sentirnos parte de algo común.

Que lembranzas garda das festas e da súa evolución estes anos?

A verdade é que eu, persoalmente, teño unha relación curiosa coas festas, porque moitas veces non puiden estar nelas como me gustaría. Desde que dirixo a compañía profesional Nova Galega de Danza, adoita coincidir coas datas de xira e actuacións fóra, así que normalmente véxoas un pouco desde lonxe. Pero iso tamén fai que as valore máis: cando podo vivilas, síntoas como un reencontro co pobo, coas raíces. E gústame moito velas medrar, ver como cambian, como se adaptan aos tempos sen perder a esencia. Ao final, as festas son iso: un lugar de volta, un recordatorio de quen somos e de onde vimos

Como director da escola, pode facernos un balance de como foi o ano na Escola municipal?

Este ano foi marabilloso, cheo de retos e tamén de moitas satisfaccións. Cada curso é diferente, pero sempre hai esa chispa de ver como as crianzas medran, como melloran, como desfrutan… Houbo momentos de esforzo, momentos de festa, momentos de aprendizaxe. E o máis importante: seguimos facendo comunidade, que é o que máis valoramos.

Cantos nenos e nenas participan todos os anos?

Cada ano temos arredor de 270 nenos e nenas mais adultos, danza toda unha vila, pero o importante é que sempre hai rapazada nova que entra e familias que confían en nós. Iso é o que nos mantén vivos.

Ademais do pregón teñen un oco na programación?

Si, claro! Este ano é o primeiro ano que a escola sae á rúa nas festas, antes do pregón. Para nós é importante devolverlle á xente o que nos dá co seu apoio. E as festas son o momento perfecto para compartir o que facemos todo o ano.

Que obxectivos ten a escola?

O noso gran obxectivo é facer comunidade a través da cultura. Que as nenas e nenos aprendan, desfruten, coñezan, compartan… Queremos formar persoas creativas, respectuosas, libres, con amor pola súa vila e pola súa cultura. Queremos ser un espazo de encontro onde cada quen poida achegar o seu.

Fáganos un resumo de como foi o seu progreso, cando naceu e que cambios tivo.

A Escola naceu con moita ilusión. As clases de Baile moderno comezaron no curso 2004-2005 pero foi nos anos 2006 ao 2009 cando aumentou o número de persoas interesadas da man de Silvia Lamas Maceira ; en xuño de 2009 Silvia rematou o curso e non puido continuar o ano seguinte (por cuestións relacionadas co seu traballo e a incompatibilidade con dar as clases). Daquela era concelleira Eva Conde Murado que apostou pola continuidade da escola municipal e en outubro de 2009 comecei a dar as clases, buscando sempre dar o mellor. E se hoxe estamos aquí, é grazas a toda esa xente que pasou pola Escola, que deixou a súa pegada e fixo posible que sigamos soñando.

Non quero esquecer a O Catre, unha compañía de teatro das Pontes que colaborou durante anos.

Ese mesmo curso a gala final dedicouse a Michael Jackson (morto en xuño do 2009). Despois viñeron o resto de espectáculos.

⚙ Configurar cookies
0.37491011619568