Premio Exceleite para unha gandería friolesa de leite ecolóxico

TerraChaXa
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, destacou que o leite galego se vende na actualidade ao mellor prezo dos últimos tres anos, 31,1 céntimos/litro no último mes no que temos datos e que están a medrar, tamén, os seus valores de graxa e proteína, como reflicten as cifras do último exercicio.
Vacas de leite en extensivo.
10 Nov 2017

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, destacou que o leite galego se vende na actualidade ao mellor prezo dos últimos tres anos, 31,1 céntimos/litro no último mes no que temos datos e que están a medrar, tamén, os seus valores de graxa e proteína, como reflicten as cifras do último exercicio.

Ángeles Vázquez puxo en relación estes datos co pasado, no que, dixo, o sector “viviu momentos complicados” e advertiu que hoxe en día o lácteo da nosa comunidade se consolida como líder nacional, producindo preto do 40% do total español, concentrando o 56% dos gandeiros do Estado e xerando uns 1.000 millóns de euros anuais en volume de negocio. A titular de Medio Rural salientou estes e outros datos na entrega dos galardóns Exceleite, que hoxe premian o labor das 20 mellores explotacións leiteiras galegas no ámbito hixiénico-sanitario.

Estes novos premios, promovidos pola Xunta en colaboración co Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal), representan segundo a conselleira un “recoñecemento ao bo facer dos nosos gandeiros, que se erguen todos os días coa firme convicción da procura da excelencia na produción do seu leite”. Por iso, engadiu, “son un exemplo a seguir, para darnos conta de que desde o noso agro podemos xerar produtos non só de calidade, senón tamén dunhas características organolépticas inigualables”.

Preto de 5.000 granxas galegas podían optar a estes premios, todas as que están inscritas no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada (Recaldi) e que, polo tanto, están en disposición de usar o distintivo de calidade Galega 100%. Delas seleccionáronse, con criterios técnicos, as 50 explotacións finalistas e posteriormente os 20 recoñecementos entregados este venres nun acto celebrado no pazo de Cores, no concello coruñés da Baña.

Entre as explotacións de leite da comarca chairega foi distinguida a Ángel Rivas Lamas, de Friol, co primeiro premio no grupo mediano de réxime extensivo e tamén no de ecolóxico.

Profesionais do Ligal e da consellería
A titular de Medio Rural fixo unha mención especial aos profesionais do Ligal e aos veterinarios e técnicos da consellería, que traballaron na selección das granxas galardoadas. O seu traballo, sinalou, “é fundamental para deixar de pensar na excelencia como unha característica afastada que os gandeiros pretendían acadar para pasar a ser unha realidade palpable e comprobable”.

Por último e de cara ao futuro, a conselleira apostou por “seguir mellorando no marco do diálogo e a cooperación entre produtores e industria, coa axuda da administración autonómica”. Só así, rematou, “conseguimos e conseguiremos facer do lácteo un sector sustentable e atractivo de cara á incorporación de persoas novas”.

0.17958402633667