Preocupación polas dificultades da frota galega debido á crise

TerraChaXa | LugoXa
A Xunta, a través da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea e en coordinación coa Consellería do Mar e a Secretaría Xeral da Emigración, está a trasladar ás embaixadas españolas en terceiros países as dificultades da frota galega que faena nas súas augas debido á crise do coronavirus.
31 Mar 2020

A Xunta, a través da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea e en coordinación coa Consellería do Mar e a Secretaría Xeral da Emigración, está a trasladar ás embaixadas españolas en terceiros países as dificultades da frota galega que faena nas súas augas debido á crise do coronavirus. Nos escritos que Jesús Gamallo remitiu ás embaixadas de países como Perú, Cabo Verde, Sudáfrica, Nova Celandia e Namibia, entre outros, e ao cónsul honorario de España en Papeete, na Polinesia francesa, o Executivo autonómico expresa a súa preocupación pola actividade dos tripulantes de frotas como a arrastreira conxeladora ou a de palangre de superficie que faenan en augas exteriores e agradece aquelas xestións que contribúan a facilitar a situación e manter a súa operatividade.

Entre os obstáculos, sinalados polos representantes de varias entidades pesqueiras galegas con frotas no exterior á Xunta e ao Goberno central e trasladadas polo Goberno galego ás embaixadas dos países, está a imposibilidade de facer o relevo de tripulantes debido á corentena e ás restricións de viaxe do período de emerxencia do Covid-19. Este feito dáse en portos como o de Callao en Perú, no de Montevideo e en caladoiros africanos.

Entre os asuntos trasladados polo sector tamén está a proposta de medidas relativas á protección dos tripulantes e a facilitar a súa actividade. Tamén a problemática da diminución do mercado e a saturación da capacidade de almacenamento frigorífico. Esta última situación é consecuencia do peche das canles de distribución a terceiros países pola alerta sanitaria do coronavirus, á redución da actividade industrial na Unión Europea e á paralización da hostalería e restauración en España, entre outros aspectos.

Dentro deste seguimento constante que está a realizar o Executivo galego do sector marítimo-pesqueiro tamén se enmarcan os contactos do delegado da Xunta en Arxentina e Uruguai coas empresas de pesca galegas asentadas neses países para ver como evoluciona a súa situación ante a alerta sanitaria do Covid-19.

Estas xestións do Goberno galego para sumar apoios na defensa do sector marítimo-pesqueiro ante a situación do coronavirus súmanse aos contactos mantidos co Goberno do Estado ao que Galicia solicitou a habilitación de axudas directas e indirectas para o complexo mar-industria co obxectivo de superar as dificultades derivadas da alerta sanitaria actual e a defensa ante Bruxelas da modificación do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) para optimizar o uso dos seus recursos. Estas demandas coinciden en boa medida coas que España trasladou ao Executivo comunitario.

0.20589709281921