Prepárase o dispositivo de seguridade do Festival de Pardiñas

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, presidiu hoxe a Xunta Local de Seguridade de Guitiriz xunto á alcaldesa, Marisol Morandeira, para supervisar o dispositivo con motivo da XLVI edición do ‘Festival de Pardiñas 2025’.
Isabel Rodríguez sinalou a relevancia que ten esta cita para o conxunto da provincia. O festival está recoñecido como ‘Festa de Interese Turístico’ e se celebrará os días 1, 2 e 3 de agosto con actividades musicais e deportivas, así como exposicións, artesanía, talleres e unha mostra de instrumentos tradicionais.
Ademais, a reunión abordou a seguridade cidadá do concello e o labor da Garda Civil, que no 2024 logrou resolver 90 dun total de 157 infraccións penais, é dicir, o 57,32%. En canto ao sistema VioGén para a protección e atención as mulleres vítimas de violencia de xénero, o ano pasado foron rexistradas en Guitiriz 8 denuncias e 2 quebrantamentos.
Tamén se abordou o ‘Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade Escolar nos Centros Educativos e as súas Contornas’, que permitiu desenvolver en Guitiriz 6 conferencias durante o curso 2024/2025. Delas, 2 foron sobre adiccións con substancia (alcohol, tabaco e outras drogas) no IES Poeta Díaz Castro; e 4 sobre prevención e detección de delitos de odio: 3 no CEIP Lagostelle e 1 no IES Poeta Díaz Castro.
A subdelegada do Goberno en Lugo subliñou o traballo realizado e a profesionalidade demostrada polos axentes da Garda Civil e a constante colaboración e apoio que ofrece a Policía Local.