Presentada a Expodegustación de Galiña de Mos, que se celebra o domingo 26 en San Xiao

LugoXa | TerraChaXa
Ás 14:00 horas, celebrarase un dos momentos máis esperados: a degustación dos manxares elaborados con esta raza, nun xantar popular que inclúe bebida, sobremesa, café e agasallo
feira-galina-de-mos3
13 Oct 2025

A parroquia de San Xiao de Mos, no Concello de Castro de Rei, acollerá o vindeiro 26 de outubro de 2025 a XIV Expodegustación da Galiña de Mos, unha cita consolidada que combina gastronomía, artesanía e motor, coa presenza de coches clásicos e múltiples actividades durante toda a xornada.

O evento incluirá tamén a XI Exposición-Concurso da Raza Galiña de Mos, na que se entregarán premios aos mellores exemplares desta ave autóctona galega, símbolo da calidade e da tradición rural do país. A partir das 11:30 horas celebrarase o Concurso Comarcal da Raza Galiña de Mos, amenizado pola Banda de Música.

A programación continuará cun vermú musical ás 13:00 horas, coa actuación do dúo Estrellas, que repetirá pola tarde a partir das 16:00 horas. A mediodía, ás 14:00 horas, celebrarase un dos momentos máis esperados: a degustación dos manxares elaborados con galiña de Mos, nun xantar popular que inclúe bebida, sobremesa, café e agasallo, cun prezo de 18 euros por persoa.

Pola tarde, ás 15:30 horas, haberá xogos populares organizados pola Asociación Cadaval, co obxectivo de manter viva a tradición e fomentar a participación veciñal.

A Expodegustación da Galiña de Mos é unha iniciativa organizada pola Asociación de Veciños de San Xulián de Mos e o Concello de Castro de Rei, coa colaboración da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e Avimós. O evento busca poñer en valor esta raza autóctona galega, dinamizar o medio rural e promover a cultura gastronómica e artesanal da comarca.

De feito, é o concello o que sufraga esta celebración na súa práctica totalidade e que o pasado ano custou 20.000 euros, dos cales 10.000 procederon da achega que recibe o Concello do Plan Único da Deputación, e outros 10.000 de fondos propios.

Consulta o programa nesta ligazón.

feria-galina-de-mos
⚙ Configurar cookies
0.07054615020752