Presentada a Feira do Cabalo de friol, que será este domingo

LugoXa | TerraChaXa
Ás sete da tarde poderase desfrutar dunha novidade, o Gran Espectáculo Ecuestre a cargo de Paco Martos
presentacion-feira-do-cabalo-de-friol
20 May 2025

O Concello de Friol celebra un ano mais a súa Feira do Cabalo, que terá lugar o próximo domingo día 25 de maio no recinto do Mercado Municipal. Fíxose a presentación do cartel da Feira este luns, e na que estiveron presentes o alcalde de Friol, José Á. Santos, xunto con outros representantes da corporación municipal, e acompañados por Jorge Lodeiro, Rebeca Vázquez, Ana López, José Manuel Núñez, Unai Frías e Rubén Vázquez, que son veciños e veciñas de Friol, amantes dos cabalos, e que tamén son protagonistas do evento, xa que forman parte da organización en colaboración co Concello de Friol.

O transcurso da feira terá lugar durante todo o día no mercado municipal, finalizando coa entrega dos premios correspondentes.

Ás 8:30 abrirase o recinto feiral e xa se dará inicio á compra e venta de gando equino, para continuar ás 9:30 cos concursos morfolóxicos (PRG e cruzados), e ás 15:30 continúan co morfolóxico PRE e ás 16:30 o morfolóxico PRA. En todas as categorías haberá sección de poldros e poldras ata dous anos e a partir de dous anos sección adultos.

Ás 11:30 comezará a Andadura Tradicional Galega (CMG), e ás 15:30 continúa coa Andadura Libre, serrada e chapeada.

Ás sete da tarde poderase desfrutar dunha novidade, o Gran Espectáculo Ecuestre a cargo de Paco Martos.

E para dar por rematada a Feira, a partir das oito e media da tarde, procederase á entrega de premios, que serán 3 por categoría, con un trofeo, e un premio de 150, 100 ou 50 pts. segundo sexa 1º, 2º ou 3º respectivamente. A maiores, nas categorías de Andadura, o 4º e 5º posto levarán como premio un saco de penso. E ademais haberá un Premio Especial para o propietario que presente o maior número de animais na feira, con 100 pts. Tamén haberá un sorteo especial.

As inscricións están abertas ata as 00:00 horas do xoves 22 de maio.

Dende a organización resaltan que cada xinete debe acudir co seu libro correspondente e que o uso de casco será obrigatorio.

O alcalde de Friol, José Á. Santos, quere aproveitar para “agradecer a este grupo de rapaces e rapazas do pobo polo seu traballo e esforzo para organizar esta edición da Feira do Cabalo de Friol, e quero aproveitar tamén para convidar aos amantes dos cabalos, e a todas as persoas en xeral, que queiran pasar un día dedicado ao mundo equino, distinto e divertido a que nos acompañen en esta nova edición da nosa Feira do Cabalo”.

⚙ Configurar cookies
0.16088914871216