Presentada a programación da Xira dos Maiores, dentro das festas de Vilalba

TerraChaXa
A cita, para a que é imprescindible anotarse antes do 21 de agosto, contará con misa cantada pola coral Luar, xantar popular, sesión vermú e baile co dúo Venus
presentacion-xira-dos-maiores
4 Aug 2025

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e a concelleira Paula Vigo presentaron a programación da xira dos maiores que se celebrará o mércores 27 de agosto, no marco das festas patronais de San Ramón e Santa María.

A tradicional cita arrancará ás 12:30 coa misa cantada pola coral Luar, para logo dar paso á sesión vermú amenizada polo dúo Venus. Como de costume, haberá xantar popular cuxo menú estará composto por xamón cocido, polbo, churrasco mixto, criollo, pan, bebida, café e sobremesa.

“Para participar no xantar popular é imprescindible que se inscriban antes do 21 de agosto presencialmente no punto de información da Casa do Concello ou chamando ao 982.51.03.05” explicou a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco.

A rexedora vilalbesa apuntou tamén que “o prezo da comida será de 20 euros para os asistentes, quen sufragan unha parte do custe do menú, á vez que o Concello, a través da Concellería de Servizos Sociais, tamén fai a súa achega económica para que o custe non sexa un impedimento para ninguén”.
A tradicional xira dos maiores de Vilalba, que se celebrará na explanada da Madalena, pecharase cun baile amenizado polo Dúo Venus. “Despediremos a xornada como máis nos gusta, bailando e gozando dun día de conversa e diversión cos nosos veciños e veciñas”, valorou a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco.

⚙ Configurar cookies
0.070279121398926