Presentada unha nova edición da Festa da Bola de Liscos e das Freces, que se celebra esta fin de semana

TerraChaXa
Comezará o sábado 10 en Bretoña cunha 'pulpada' e verbena coa actuación do grupo Los Key
bretona-presentacion-festa-bola-de-liscos
5 May 2025

A Xunta de Galicia colabora coa Asociación de Amigos da Feira de Bretoña na organización da XIV Festa da Bola de Liscos e das Freces, que se celebrará na localidade os vindeiros 10 e 11 de maio. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación do programa do evento.

A Festa da Bola de Liscos e das Freces comezará o sábado 10 cunha pulpada e verbena coa actuación do grupo Los Key. O domingo 11 -a partir das 11.00 horas- abrirase a feira, que contará cun mercado de artesanía, postos de venda de produtos de alimentación e a tradicional degustación das freces e as bolas de liscos. Durante a xornada haberá ademais unha sesión vermú amenizada por Óbice Capital, a actuación dos alumnos e alumnas da Escola de baile da Pastoriza e un aberto de billarda. Modesta Campo, mestra xubilada do colexio de Bretoña, será a pregoeira desta décimo cuarta edición.

Javier Arias destacou o apoio da Xunta a esta festa “que contribúe a dinamizar a actividade social e económica da Pastoriza e do conxunto da comarca” e que “pon en valor dous produtos singulares da nosa gastronomía, tan variada e de tanta calidade”.

A bola de liscos e as freces son dous produtos típicos da zona de Bretoña tradicionalmente vencellados ás labores agrarias polo seu aporte calórico, de feito elaborábanse nas casas nas xornadas nas que había que realizar duros traballos no campo que requirían dun aporte extra de enerxía. Este ano, para darlles maior relevancia, as bolas que se repartan durante a festa estarán elaboradas con produtos de porco celta.

⚙ Configurar cookies
0.16198897361755