Presentado en Pastoriza o seu novo proxecto turístico, que se estrea en Fitur

O Concello de Pastoriza iniciou un proxecto pioneiro de dixitalización dos seus espazos de interese coa finalidade de achegar o territorio a un público máis amplo e promover un turismo equilibrado, responsable e respectuoso co medio. A nova plataforma virtual permite descubrir o municipio dun xeito innovador, combinando imaxes, percorridos interactivos e información detallada sobre a contorna natural, o patrimonio histórico e os recursos culturais, facilitando así o acceso tanto a visitantes como á propia veciñanza.
O proxecto foi presentado este domingo na Casa da Cultura nun acto aberto á poboación ante de que se leve a Fitur, a feira de Madrid a partir do próximo mércores.
A iniciativa aposta pola inclusión e pola innovación tecnolóxica, xa que ofrece unha experiencia inmersiva que permite coñecer o territorio desde diferentes perspectivas, tanto de maneira virtual como complementaria á visita presencial. A web reúne nun único espazo toda a información turística relevante, incorporando rutas de sendeirismo, centros de interpretación e elementos patrimoniais destacados, ademais de cartografía municipal e materiais divulgativos pensados tamén para o público infantil.
Outro dos obxectivos principais do proxecto é reforzar a visibilidade do comercio local e dos servizos turísticos, contribuíndo así ao desenvolvemento económico do municipio. A plataforma está adaptada ao uso en dispositivos móbiles, inclúe sistemas de localización e pode consultarse en varios idiomas, o que facilita a chegada a visitantes doutros territorios.
Tras a súa presentación pública en Pastoriza, o proxecto darase a coñecer en eventos turísticos de relevancia, coa intención de consolidar a imaxe do concello como un destino moderno e comprometido coa sustentabilidade, e de servir como modelo exportable a outros municipios da comarca.