Presentado nas Pontes o proxecto Activaverde para a empregabilidade dos afectados polos peches das térmicas

TerraChaXa
A Xunta quere dar a coñecer técnicas e estratexias asociadas á busca activa de emprego no ámbito das tecnoloxías verdes e da eficiencia enerxética
presentacion-activaverde-as-pontes
16 Oct 2025

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou onte nas Pontes na presentación do proxecto ActivaVerde que busca favorecer a recualificación profesional e a empregabilidade das persoas afectadas polo peche das centrais térmicas de Meirama e As Pontes. Esta iniciativa enmárcase no compromiso do Goberno galego co desenvolvemento dun mercado laboral máis sustentable e orientado ás novas oportunidades que xorden arredor das tecnoloxías verdes e a eficiencia enerxética.

O acto de onte na Casa Dopeso das Pontes de García Rodríguez sucedeu ao da semana pasada no Viveiro de Empresas Municipal de Cerceda. Canda o secretario xeral volveron estar o subdirector xeral de Relacións Laborais, Carlos Gómez, así como o secretario xeral de Asime, Enrique Mallón, a secretaria xeral da Confederación de Empresarios da Coruña, Marina Graña, e representantes dos sindicatos CCOO e UGT-FICA Galicia, quen presentaron as vantaxes de tomar parte no proxecto.

Con esta acción, a Xunta quere dar a coñecer técnicas e estratexias asociadas á busca activa de emprego no ámbito das tecnoloxías verdes e da eficiencia enerxética, co fin de mellorar o perfil profesional das persoas traballadoras afectadas polo peche das centrais e aumentar así as súas posibilidades de contratación. O proxecto está dirixido a persoas residentes na provincia da Coruña que procedan de empresas afectadas, directa ou indirectamente, por este proceso.

Cabe engadir que ActivaVerde, impulsado pola Xunta de Galicia, está financiado polo Fondo Europeo de Transición Xusta, que busca apoiar aos territorios afectados polo proceso de transición á neutralidade climática.

⚙ Configurar cookies
0.096359014511108