Presentado o avance do programa das festas de San Ramón e Santa María de Vilalba

GaliciaXa | TerraChaXa
Estas darán comezo o día 22 coa Xira e rematarán o día 7 de setembro co Día das Parroquias
presentacion-festas-vilalba
11 Jul 2025

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e a concelleira de Cultura, Mónica González, presentaron o contido da programación das festas de San Ramón e Santa María de Vilalba, que se celebrarán a partir do 22 de agosto.

Serán tres semanas de celebración que se inaugurarán coa tradicional xira campestre, á que seguirá a xira dos maiores. As celebracións oficiais darán comezo coa lectura do pregón, que estará a cargo das irmás Purriños, ao mesmo tempo que se fará entrega do premio do Certame Literario.

A alcaldesa subliñou que este ano haberá dous días de programación exclusiva infantil, "porque os nenos son os que máis desfrutan das festas". A intención é volver firmar un convenio con Entrepinares para sufragar estas actividades, entre as que haberá o concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona e unha festa da escuma.

A xira da terceira idade, será o mércores 27, coa participación do dúo Venus, o máis solicitado polos homenaxeados. "Queremos que os maiores sexan protagonistas por un día que estamos seguros que o farán", recalcou Marta Rouco.

As dúas representantes do Goberno remarcaron o interese social das festas "significan moito para as veciñas e son punto de reencontro dos veciños que viven fóra e regresan polas festas" e explicaron que o programa seguirá ampliándose para ser detallado no Libro das Festas, que se edita todos os anos e que nesta ocasión conta co patrocinio da Asociación Culturais Festas Patronais de Vilalba.

A tradicional xira terá lugar do 22 ao 24 de agosto. A noite do venres haberá DJs e grupos locais. O sábado estará a orquestra Límite e Los Key e o domingo A Silva.

Na semana do 27 ao 31 arrancará coa xira de maiores, seguida do Día da Bicicleta, o 29 de agosto, organizada pola Casa da Xuventude. O sábado 30 será o día central, coa entrega do premio do Certame Literario, os pregón e dúas actuacións, Xosé Lois, con Aliboria e á noite haberá DJs, con Marcos Peón, Frisco e Zalo.

Non faltarán os pasarrúas e a clásica actuación da Banda de Música de Vilalba, que se combinará coa música das orquestras New York e Triunfo.

Na ultima semana comezarán co día dedicado a Santa María e rematarán coa celebración do día da Feira e Día da Parroquia, que este ano corresponde a Rioaveso. Los Españoles e Panorama City completan o apartado musical o día da Patroa e seguirán os días infantís, os días 2 e 3 de agosto.

O venres 5 haberá unha foliada coa participación dun grupo, pero se está traballando en xuntar máis grupos. Tamén contarán co certame de bandas Pepe Guntín e a música correrá a cargo de La Nave e o grupo Arizona.

O último día de festas rematará cunha sesión vermú e logo un tardeo, xa que o luns será o día no que se inicie o curso escolar.

Na parte deportiva, o día 6 será a Carreira Nocturna dentro do circuíto de carreiras da Terra Chá.

O programa contará con máis actividades, que se darán a coñecer as próximas semanas.

festas-dan-ramon-e-santa-maria-vilalba
⚙ Configurar cookies
0.17627310752869