Presentado o novo sistema de balizas antinéboa no Fiouco

TerraChaXa | AMariñaXa
Esta mellora conséguese ao pasar a 30 metros a visibilidade mínima que se considera para manter en servizo este tramo
baliza antineboa abadin mondondo fiouco delegado
25 Xan 2022

José Miñones destaca que as novas balizas intelixentes da DXT reducirán nun 78% os peches ao tráfico da A8 ao paso por O Fiouco. Esta mellora conséguese ao pasar a 30 metros a visibilidade mínima que se considera para manter en servizo este tramo.

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, destacou hoxe que as novas balizas intelixentes que instalou a Dirección Xeral de Tráfico no tramo Mondoñedo-Abadín da Autovía do Cantábrico reducirán nun 78% o peche ao tráfico de O Fiouco por impacto da néboa. “Con estas novas balizas de cada catro veces que a autovía estivo pechada nestes anos por néboa pasaremos a só unha”, explicou, ao que engadiu que se trata dun sistema pioneiro nas vías de toda Europa e que poderá ser extrapolable a outras situacións análogas.

José Miñones presentou hoxe en Abadín o novo sistema, no que a DXT-Ministerio do Interior investiu 873.127,15 euros e que se executou nestes últimos meses. Á presentación asistiron a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, e o subdirector xeral de Movilidad e Tecnoloxía da DXT, Javier Ordás, ademais de responsables de Tráfico en Galicia e da Agrupación de Tráfico da Garda Civil.

Sistema de balizas

O delegado lembrou que, agora, cando se alcanzan os 40 metros de limiar mínimo de visibilidade, o Centro de Xestión de Tráfico desvía automaticamente a circulación cara á N-634 desde a saída da Xesta ata Mondoñedo. “Coas balizas novas operativas, este limiar mínimo de visibilidade pasa a 30 metros, o que incrementa significativamente o tempo operativo da vía”.

Segundo os datos da Dirección Xeral de Tráfico, desde setembro de 2014, a novembro de 2021, a autovía permaneceu pechada neste tramo durante 3.281 horas. Coas novas balizas operativas, a afección reduciríase a 722 horas.

O sistema consta de 372 balizas nas marxes externas en sentido ascendente e descendente e separadas 50 metros entre si.

As balizas detectoras consisten nun corpo físico con dúas xanelas, a da parte inferior con leds ámbar e a superior con leds vermello, sobre un poste de 1,50 metros sobre a calzada.

Os bloques de luces leds ámbar e vermello que se van acendendo conforme pasan os coches, para advertir aos que veñen detrás á vez que sinalizan as marxes da vía. Así se sinaliza non só a vía senón tamén a presenza doutros vehículos na mesma.

Seguridade na autovía

O delegado do Goberno insistiu hoxe na aposta do Goberno de España por facer da autovía do Cantábrico unha vía segura e aberta totalmente ao tráfico combinando as innovacións en seguridade viaria coa implementación das solucións experimentais de apoio á condución e de miniminación das néboas: “unhas solucións marcadas por un denominador común: a innovación”, insistiu.

Así, lembrou que desde o ano 2015 o Goberno investiu 10 millóns de euros en diferentes melloras da seguridade viaria neste tramo. O Ministerio do Interior, a través da DXT, investiu 4,4 millóns de euros en diferentes sistemas de axuda á condución e seguridade viaria, como o sistema automático de desvío, sensores meteorolóxicos, balizas led, pantallas de visualización, etc.

A este investimento hai que sumar os 5,6 millóns do Ministerio de Transportes, para o desenvolvemento de medidas de axuda á condución e dispersión da néboa a traves do proceso de compra pública precomercial. José Miñones lembrou que nestes momentos o Ministerio atópase na fase de avaliación dos prototipos que se probaron o ano pasado sobre o terreo e cuxas probas finalizaron o pasado decembro.

Concluíu que a unión destas medidas coas solucións técnicas que determine o Ministerio de Transportes, “non só reducirá os peches senón que, cando haxa néboa, os condutores e condutoras poderán dispoñer de máis referencias para ter unha travesía máis segura”, explicou o delegado.

0.16042494773865