Presentado o novo vídeo do 8M do Concello de Outeiro de Rei

LugoXa | TerraChaXa
O vídeo recolle reflexións destas 8 veciñas, coidadoras non profesionais, oito mulleres entrañables, loitadoras, de enorme fortaleza
presentacion-coidadoras-outeiro-de-rei
14 Mar 2025

Con motivo do 8M tivo lugar a presentación do vídeo Coidadoras_Concello de Outeiro de Rei, vídeo realizado pola produtora audiovisual Granero Vídeo co que o Concello quixo dar un merecido recoñecemento ás mulleres coidadoras non profesionais do municipio, e por extensión a calquera muller que estea vivindo esta situación.

O acto estivo presidido polo alcalde, José Pardo Lombao, e a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, María José Martínez Vigo, acompañados por Miguel Granero e de seis das oito protagonistas que participaron de forma desinteresada nesta iniciativa e que recibiron o agradecemento polo seu traballo das persoas presentes no salón de actos da Casa da Cultura.

O vídeo recolle reflexións destas 8 veciñas, coidadoras non profesionais, oito mulleres entrañables, loitadoras, de enorme fortaleza, que co seu labor, moitas veces invisible pola falta de recoñecemento social, sosteñen o día a día de seres queridos e familias.

Actualmente, as mulleres asumen o rol principal do labor dos coidados por cuestións de xénero e asúmese como unha obrigación moral prestar dita asistencia. A brecha de xénero en relación ás tarefas de coidado leva implícito un maior impacto na calidade de vida das mulleres ao posuír menos tempo para elas mesmas e paralelamente sen posibilidades de remuneración xusta polo seu labor. É un rol que se vai xerando de forma paulatina, ás veces sen ser conscientes, prestando asistencia a medida que a persoa dependente o vai demandando.

Conscientes de que aínda queda un camiño por percorrer na procura da igualdade real e de oportunidades, con motivo desta data é preciso reivindicar e recoñecer a importancia que teñen os coidados para a estabilidade social e que as persoas que os asumen teñen que ter unha maior valoración social sendo necesario camiñar cara ao reparto equilibrado destas responsabilidades e cara a unha mellor calidade de vida das persoas coidadoras.

⚙ Configurar cookies
0.12909507751465