Presentado o programa da Tasca do Liño de Insua, que será este sábado

O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, xunto á Alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco Seoane, e a presidenta da Asociación de Mulleres Rurais de San Bartolomeu de Insua, Lourdes Otero Mato, presentaron este luns na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos a décimo sétima edición da Tasca do Liño, que se celebrará este sábado 25 de outubro na parroquia vilalbesa de Insua. A institución provincial colabora con este evento cunha achega económica de 2.000 euros e unha exposición de traxes do Centro de Artesanía e Deseño (Centrad).
Rivera Capón recalcou que a Deputación de Lugo “vai seguir ao lado destas iniciativas, porque cada oficio que se mantén vivo é cultura, pero tamén é economía. Cada tradición preservada é desenvolvemento e cada feira que medra é identidade, pero tamén é futuro”. Nesta liña, recalcou que “o rural é unha extraordinaria oportunidade que Galicia non pode perder”.
O Deputado agradeceu “ás mulleres que foron a columna vertebral desta tradición”, e a Alcaldesa Marta Rouco “polo seu compromiso con este patrimonio, que é material e inmaterial ao mesmo tempo. Grazas tamén á organización, ás artesás, aos veciños e veciñas e a todas as persoas que manteñen vivo este legado”.
Na presentación deste evento, á que tamén asistiu a Concelleira de Cultura de Vilalba, Mónica González, Marta Rouco agradeceu a colaboración da institución provincial e resaltou que “é unha boa nova que celebremos xa 17 edicións”. Así mesmo, puxo en valor o esforzo da “asociación de mulleres rurais que levan tantos anos recuperando esta tradición”.
Durante toda a xornada haberá obradoiros participativos de tinguido, estampado en papel reciclado e cerámica da man de Amor ó Teu, Peixesapo e La Bellota Mágica. Ademais, haberá unha exposición de traxes do Centrad, postos de artesanía en vivo e elaboración de filloas de Muimenta.