Presentados os primeiros proxectos de mellora de estradas provinciais por valor de 1,5 millóns de euros
O Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez Núñez, informou este mércores da presentación dos primeiros proxectos de mellora de estradas provinciais, por valor de 1,5 millóns de euros, que se enmarcan nos 15 millóns aos que acudiu o Goberno da Deputación mediante unha operación de crédito, para mellorar a rede viaria provincial, a máis extensa do Estado.
Martínez subliñou que “no día de hoxe presentáronse os primeiros proxectos enmarcados nos 15 millóns de euros do préstamo que pediu a Deputación para investir en todos os Concellos da provincia de Lugo, en estradas provinciais. Seis deses proxectos xa están presentados, do redor duns 70 que van a ser ao final, e esperamos que nos próximos días recibamos todos os demais, e que a finais de ano ou principios do que vén, teñamos os 70 proxectos para licitalos e adxudicalos durante o ano 2018. Estes proxectos, que ascenden a 15 millóns de euros, van a supoñer aproximadamente uns 500 quilómetros máis de aglomerado en quente, con sinalización horizontal e vertical, mellorando a seguridade integral e viaria das estradas provinciais”.
2.200 quilómetros de aglomerado en quente
No pasado Pleno de outubro, aprobouse a proposta do Goberno da Deputación para acudir a un crédito de 15 millóns de euros para executar obras en estradas provinciais dos 67 Concellos. A boa situación económica da Deputación, pois conta con débeda cero, permite á institución acudir a unha operación de crédito. Estes fondos permitirán reforzar as melloras de vías que discorren polos 67 Concellos logo de investir no último ano en nova obra máis de 6 millóns de euros, que se engaden aos fondos que se achegaron á conservación ou á roza. Con estas novas actuacións, o Goberno da Deputación poderá acadar os 2.200 quilómetros de aglomerado en quente.