Presentan a programación de Nadal de Vilalba, que contará cunha pista de xeo
O Concello de Vilalba presentou a súa programación de Nadal cunha variada oferta lúdica, cultural e festiva para todas as idades, que se prolongará durante máis dun mes e na que unha das novidades será a pista de xeo que se ubicará na Praza da Constitución.
A programación foi presentada en rolda de prensa pola alcaldesa do Concello de Vilalba, Elba Veleiro; a concelleira de Políticas Sociais, Economía e Facenda e Comercio, Marta Rouco; a concelleira de Educación, Infancia e Mocidade, Feiras e Mercados, Antía Rama, e o deputado provincial Roberto García Pernas.
Tamén estiveron no acto o representante e director da fábrica en Vilalba de Entrepinares, Javier Gato; o representante e director da fábrica en Vilalba de Lactalis Puleva, Javier Pozueta, e o xefe de zona de Gadisa, Luis Debasa, todo eles colaboradores e patrocinadores da pista de xeo. Asistiu por outra parte Antía Naveiras, representante do comercio e da Asociación de Empresarios Sete Pontes.
O Nadal comeza en Vilalba co acendido das luces e a inauguración do poboado de Nadal o próximo martes 6 de decembro ás 18.30 horas. Este momento tan especial estará amenizado pola mini banda de Vilalba e os pequenos da Asociación Cultural de Andrade.
“Durante os días seguintes poderemos desfrutar de moitos e variados espectáculos no Auditorio para os que, como sempre, haberá que sacar entradas previas tanto a través da web do Concello (https://www.vilalba.gal/) como na Casa da Cultura", explicou Antía Rama.
Dende o Concello está sinalado en vermello o día 21, un dos máis especiais do ano, pola celebración da Feira do Capón, que foi presentada o pasado domingo.
O tradicional Concerto da Banda de Música de Vilaba, os hinchables, as danzas, a música vilalbelsa, e a representación dun dos seus monólogos a cargo de Touriñán, serán outras das propostas deste programa que non esquece por suposto a visita de Papá Noel e dos Reis Magos, tanto no casco urbano como nas parroquias.
“Contaremos ademais na recepción na Praza da Constitución cunhas personaxes moi coñecidas grazas a Somos Unidos polo Cáncer”, recorda Antía Rama, que anunciou tamén a carreira San Silvestre antes do peche do ano.
O peche do Nadal en canto a espectáculos será o 6 e 7 de xaneiro coa representación do Ballet da Ópera Nacional de Moldavia e un concerto para celebrar os 30 anos de Meigallas xunto aos vilalbeses e vilalbesas máis cativos.
Marta Rouco adiantou as accións que se levarán a cabo para o fomento do comercio na vila nestas datas. Entre estas iniciativas destaca o reparto de bolsas reutilizables entre o pequeno comercio, cunha mensaxe simbólica que esta vez será ‘Merca en Vilalba’ para agradecer á xente a súa compra. “É unha aposta que levamos facendo dende hai tres anos, porque estamos convencidos de que hai que tratar de concienciar aos veciños e veciñas da importancia de mercar no noso comercio e de dinamizar o que é a nosa vila”, asegurou.
Nesa liña tamén avanzou o que será o prato forte no Nadal en Vilalba, a pista de xeo que se vai instalar na Praza da Constitución entre o día 25 ata o 8 de xaneiro. A pista estará funcionado tódolos días de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas. As entradas darán acceso ó recinto durante 45 minutos e en cada quenda poderán entrar 45 persoas.
“Haberá dúas formas de mercalas: a través da páxina web, na que se poden reservar tanto o día como a hora, pero sempre deixando unha cantidade libre para a xente que as queira adquirir presencialmente ou que teña entradas froito dos sorteos que se van facer nos establecemos Gadis”, detallou.
“Queremos agradecer tanto esta colaboración de Gadis como a das outras firmas porque sen elas sería imposible montar esta pista”, apuntou.
Tamén neste Nadal se levará a cabo en Vilalba a campaña coa Asociación de Empresarios do Polígono, o Merca e Gaña, que cumpre a súa cuarta edición.
Pola súa banda, Roberto García Pernas felicitou á alcaldesa de Vilalba e ao seu equipo de goberno pola programación. “A pista de xeo é unha alternativa fantástica, porque a veciñanza de Vilalba e da Terra Chá poderá desfrutar dunha actividade que conxuga o mellor do deporte e da vida en común. É una opción tamén boa para o turismo, un turismo que impulsamos dende a Deputación de Lugo”, argumentou o deputado, que recordou que a Deputación aporta 10.000 euros para esta instalación.
Elba Veleiro pechou o acto destacando a programación de todo tipo de actividades que leva a cabo o concello durante todo o ano para os veciños. “Nestas datas tan entrañables como as do Nadal volcámonos un pouco máis para ampliar esa oferta a todas as persoas independentemente da súa idade, condición social ou de que vivan no casco urbano o no rural. Todos os vilalbeses e vilalbesas están chamados a participar”, dixo a alcaldesa.
A rexedora convidou a probar a pista de xeo e prometeu dar exemplo “espero que sen caída”, ao tempo que fixo un chamamento á veciñanza de Vilalba e a todos os chairegos a achegarse ata a vila nestas datas.