Presentan as obras de remodelación e ampliación da praza Irmáns Souto Montenegro de Begonte
O alcalde de Begonte, José Ulla e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro presentaron ante un grupo numeroso de veciños da localidade, os traballos de remodelación e ampliación da céntrica praza Irmáns Souto Montenegro.
A obra que conta cun investimento próximo ao medio millón de euros (427.000 euros) será financiada ao cen por cen grazas a unha achega da administración autonómica e permitirá a posta en valor deste espazo céntrico ao carón da Casa do Concello e nela sitúanse edificios máis representativos da localidade.
Coa reforma proposta preténdese recuperar e humanizar un espazo público potenciando os valores históricos do lugar e para que contribúe á mellora da calidade de vida e o seu aproveitamento para distintas actividades e para o disfrute dos seus habitantes.
Os traballos consistirán no acondicionamento da totalidade da praza e a súa ampliación, así como a peonalización da rúa do Concello. Executarase un novo pavimento, adaptado ao contorno, empregando lousas de granito, empedrado ou madeira, segundo as diferentes zonas a actuar. Ademais procederase á creación e axardinamento das zonas verdes, con diferentes especies arbóreas e a reordenación das zonas de estacionamento.
O proxecto inclúe a reformulación e dotación, naqueles espazos nos que non existe, das instalacións de saneamento, electricidade e iluminación pública e a incorporación de novo mobiliario urbano adaptado ás novas necesidades e ao proxecto de humanización de praza que se pretende: bancos, papeleiras, farois
Novas zonas verdes e eliminación de barreiras arquitectónicas
Tanto as novas zonas verdes como a ampliación da actual praza cara ao norte ofrecerán maior amplitude de espazo que servirá como zona de esparexemento para a poboación. Trátase de crear un espazo agradable que sirva como centro neurálxico da localidade e non dun mero aparcamento, como ocorre na actualidade.
As obras inclúen tamén a eliminación de barreras arquitectónicas, reformulando as actuais terrazas escalonadas creando unha serie de ramplas que dean acceso.Estas terrazas a día de hoxe son meramente decorativas, aínda que coa solución proposta preténdese que sexan accesibles, de forma que resulten agradables e poidan ser utilizadas pola poboación. Neste espazo incorpórase tamén unha fonte e unha nova terraza no encontro coa praza, acondicionada cun pavimento de madeira e unhas bancadas.
As diferentes zonas da praza serán tratadas con pavimentos distintos, sen resaltes de cotas, para eliminar barreiras arquitectónicas e para crear un espazo versátil que permita a súa utilización para a celebración de festas e eventos.
Novos servizos pluviais
Dada a envergadura da obra a realizar, é necesario así mesmo reformular a instalación de recolleita de augas pluviais, para o que se instalarán novos sumidoiros que reconduzan as augas á rede de saneamento municipal, así como a renovación total da rede de alumado público. Dispoñerase, en consecuencia dunha iluminación funcional e decorativa que resalte as actuacións levadas a cabo. Proxéctanse novas luminarias, a ras de chan en zonas puntuais.
A día de hoxe neste espazo hai unha enorme explanada asfaltada que é utilizada como aparcamento e tan só na parte presenta unha zona axardinada e unha pequena zona de xogos infantís. Nos últimos dous anos tense acometido a rehabilitación dos edificios municipais situados na praza.