Presentan en Árbol unha guía telefónica cos contactos dos veciños

A comisión de festas da parroquia vilalbesa de Árbol vén de sacar unha guía telefónica da parroquia. A publicación conta ademais cos deseños dun concurso artístico infantil e as fotografías antigas que voluntariamente cederon varios veciños.
Dende a entidade organizadora, composta por Patricia Díaz, Tamara García e Paula Seoane, destacan que "quixemos actualizar os contactos dos nosos veciños, xa que moitos deixaron de usar o teléfono fixo".
"A guía está feita cumprindo a lei de protección de datos. Nunha parroquia o número de teléfono dun veciño é tan necesario como o das emerxencias. Son os primeiros en chegar e en axudar", afirman.
Ademais de contribuír a sufragar algúns gastos da organización das festas, o libro actualiza os contidos doutros xa publicados con anterioridade por outras comisións. A portada saíu dun concurso infantil no que participaron preto de 30 nenos nacidos en Árbol ou que teñen lazos familiares na parroquia. O gañador do concurso foi Álex, de 10 anos, que ilustrou a igrexa e a súa contorna no día da festa.
A publicación desta guía coincide coa celebración do xantar popular de Árbol, que alcanza a súa 17ª edición. Ten lugar este sábado 21 de xuño no Campo da Festa coa participación de máis de 300 persoas.
Os actos comenzarán ás 12:45 h cun concerto da Minibanda, agrupación infantil pertencente a Banda de Música de Vilalba e a Escola de Música de Vilalba. Posteriormente, celebrarase unha misa solemne, procesión e sesión vermú co grupo da parroquia, Cerna de Árbol, e co dúo La Hora Bruja.
A música dará paso a un gran xantar e a unha tarde festiva, na que a comisión pretende que gocen pequenos e maiores. "Temos preparados varios xogos populares cos que queremos implicar a todos os públicos. Será un día para gozar cos veciños e amigos". A festa rematará cunha nova actuación do dúo La Hora Bruja.