Presentan en Cospeito as axudas contra o impacto paisaxístico

TerraChaXa
A Xunta convocará a vindeira semana as axudas dirixidas a propietarios particulares e a concellos co fin de apoialos na execución de actuacións destinadas a corrixir os impactos paisaxísticos que o paso do tempo ou unha mala conservación van producindo no aspecto exterior de vivendas e construcións privadas, edificios e outros equipamentos públicos de titularidade municipal.
14 Xan 2023

A Xunta convocará a vindeira semana as axudas dirixidas a propietarios particulares e a concellos co fin de apoialos na execución de actuacións destinadas a corrixir os impactos paisaxísticos que o paso do tempo ou unha mala conservación van producindo no aspecto exterior de vivendas e construcións privadas, edificios e outros equipamentos públicos de titularidade municipal.

As bases de ambos programas sairán publicadas no DOG o martes 17 de xaneiro, tal e como avanzou en Cospeito a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen animou ás persoas e administracións interesadas nestas subvencións a solicitalas a partir do mércores.

Durante a súa visita a unha das vivendas particulares que se beneficiaron o ano pasado destas axudas no municipio lucense, a responsable autonómica lembrou que este é o terceiro ano consecutivo no que o seu departamento, a través do Instituto de Estudos do Territorio (IET), aposta por este tipo de incentivos, que nas súas edicións anteriores tiveron “unha moi boa acollida” tanto entre a cidadanía como entre as entidades locais.

Cun orzamento inicial reservado para ambas convocatorias de 2 millóns de euros —1 millón para particulares e 1 millón para concellos—, estímase que este ano se poderá axudar a máis de 50 entidades locais e a case 400 cidadáns. O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto ata o 17 de febreiro no caso das axudas destinadas a persoas físicas e ata o día 28 do mesmo mes no caso do programa dirixido a concellos.

Os propietarios particulares poderán acceder a incentivos de ata 3.000 euros para mellorar o aspecto das súas vivendas e doutras construcións, como muros de peche, mentres que as entidades locais disporán dun máximo de 40.000 euros para actuar en edificios e dependencias de servizos municipais —liña 1— ou en construcións, equipamentos públicos e bens que integren o patrimonio etnográfico local —liña 2— que polo seu aspecto ou deterioro produzan unha distorsión na contorna onde se localizan.

As contías máximas en ambos casos permitirán cubrir ata o 70% do investimento subvencionable de forma que, na práctica, se prevé mobilizar case 2,9 millóns de euros grazas a estes incentivos, cos que se busca incidir na cultura do fermosismo impulsada pola Xunta a través da sensibilización cidadá e da colaboración entre administracións.

Así, a conselleira lembrou que desde a posta en marcha desta medida en 2021, o Goberno galego xa apoiou a máis de 100 entidades locais e a case 1.500 particulares na execución de actuacións de corrección de impactos paisaxísticos en 262 municipios galegos. Un deles, precisamente, foi o Concello de Cospeito, no que en 2022 o IET concedeu axudas a 10 particulares por un importe total de 29.000 euros e outra subvención ao Goberno local de 12.000 euros destinada a recuperar o lavadoiro de Pino.

Novidades convocatorias 2023

Acompañada polo director do IET, Enrique de Salvador, a conselleira explicou que na convocatoria das axudas de 2023 se simplifican máis os trámites e a documentación a presentar. Ademais, no caso da liña dirixida a particulares redúcense a tres os tipos de intervención subvencionables: fachadas, cubertas e muros de peche. E cando a actuación estea promovida por un concello, financiaranse obras de índole menor sobre fontes, lavadoiros, palcos de música ou hórreos, e tamén reparacións de remate exterior de fachadas, cubertas e muros de cerramento de edificios e equipamentos municipais.

Así mesmo, os concellos beneficiarios terán este ano a opción de solicitar o cobro dun anticipo de ata o 70% da axuda co fin de facilitar o inicio e a execución das actuacións xa que no propio momento da resolución da axuda, lles será aprobado o anticipo.

Outra das novidades da nova convocatoria será que os particulares que estean interesados poderán xestionar as súas solicitudes a través de entidades xurídicas como poden ser asesorías, xestorías ou asociacións veciñais con personalidade xurídica, unha medida que busca facilitar ao máximo a tramitación e o acceso aos fondos consignados.

0.17150497436523